O Festival de Cans 2018 abre convocatoria cunha nova sección de competición para a non ficción

Publicidad

Furacáns”. Este é o nome escollido para a nova sección destinada a premiar aquelas obras de non-ficción que “asuman maiores riscos narrativos”. Así explican dende o Festival de Cans esta nova categoría, que xa se testou na pasada edición e que agora será, por primeira vez, de carácter competitivo cun premio de 1.000€ e un xurado específico.

En total, o Festival repartirá case 8.000€ en premios no seu obxectivo por “impulsar a creación de novas e novos creadores audiovisuais en Galicia”. Ademais da categoría “Furacáns”, o festival outorgará entre os seus premios principais 2.000 euros á mellor curtametraxe de ficción, 1.500 euros ó premio do público e 1.500 euros á mellor curtametraxe de animación. A maiores recibirán premios económicos ata completar a cantidade final, as categorías de videoclips e as de mellor realización, mellor guión, mellor interpretación feminina e mellor interpretación masculina.

Os creadores e creadoras galegas que desexen participar con realizadas entre 2017 e 2018 poderano facer dende este martes, 26 de decembro e até o 4 de marzo.

Outra novidade é que por vez primeira, o Festival de Cans habilitará na súa web un apartado para poder inscribir de xeito gratuíto as obras. Tamén segue manténdose a opción da plataforma "Festhome", para quen desexe facelo a través desta vía, cun prezo de 2 euros por cada obra inscrita. O Festival de Cans abre a porta a que creadoras e creadores inscriban libremente obras como documentais e mesmo longametraxes, webseries ou outros formatos, dándolle preferencia na selección a aquelas obras que non fosen estreadas polo momento en Galicia. En base ao material recibido, o Festival de Cans decidirá a incorporación de novas seccións paralelas que poidan enriquecer a programación do festival.

Cando se celebrará o Festival de Cans 2018?

O Festival de Cans, organizado pola Asociación Cultural Arela baixo a dirección de Alfonso Pato, celebra este ano a súa décima quinta edición. Será do mércores 23 ao sábado 26 de maio e, por vez primeira na historia, non coincidirá co Cannes francés. Así, agroglamour e glamour de alfombra vermella non competirán en datas.

Cans viviu en 2017 a súa edición máis exitosas con até 13.000 persoas pasando polos diferentes puntos do recinto, esgotando todas as entradas dispoñibles.

Salir de la versión móvil