Despois de recibir máis dun cento de filmes a concurso, a organización do Galician Freaky Film Festival decidiu seleccionar un total de 38 curtametraxes que serán as encargadas de formar a sección oficial desta nova edición do festival máis friki de Galicia.
Así, entre o 25 e o 27 de outubro poderanse ver no vigués Mercado do Progreso filmes galegos, españois, británicos, arxentinos, suecos ou estadounidenses cheos de humor, misterio, terror e, por suposto, unha boa dose de zombies. Cada sesión de curtas ten un prezo de 2€ e o abono para todo o festival "imos a todo" é de 10€.
As curtametraxes do Galician Freaky Film Festival
As curtametraxes da nova edición do Galician Freaky Film Festival dividiranse por sesións acordes coa temática ou a procedencia das cintas, no caso das pezas internacionais. Así, ao longo do festival sucederanse os bloques de Humor Freak (xoves 25, venres 26), Typical Spanish (xoves 25), Ciencia Ficción (venres 26), Arrepío (venres 26), Frikismos do País (sábado 27) e selección internacional (sábado 27).
O día da inauguración, o xoves 25 ás 19:00 horas, comezará o primeiro dos bloques chamado Humor Freak Vol. I e onde se poderán ver filmes como Bienvenido al infierno, de Simón Fariza que relata, con moito humor, o temido momento no que un rapaz ten que coñecer a familia (pouco convencional) da súa moza ou Loot, de Pablo Medina, unha curtametraxe que inclúe a tres atracadores de bancos, unha caixa forte, un novato para abrila e unha realidade que se rexe polas regras dos videoxogos.
Os filmes de humor continuarán o venres co Humor Freak Vol. II, coa proxección de filmes como Una vida de mierda, de Jaime Sería, que mostra as aventuras e desventuras dun váter namorado ou Z Fest, de David Cordero, onde unha parella discute nunha tenda de campaña mentres están rodeados de zombis.
O bloque Sesión Typical Spanish (xoves 25 ás 23:00 horas) contará con obras como Amancio, vampiro del pueblo, de Alejo Ibañez ou El escarabajo al final de la calle, de Joan Vives Lozano, no que Amadeo recibe unha inquietante premonición: á súa filla peixeira quédanlle sete días de vida.
O venres, despois da sesión de humor chegará o segundo dos bloques coa ciencia ficción (21:00 horas) como denominador común con historias como a de un cosmonauta ruso que viaxa ao espazo exterior en Sputnik, de Vicente Bonet, pero no que tamén haberá tempo para ver como é a vida na terra en 2060 da man de José Antonio Campos Aguilera, director de El origen.
A noite do venres rematará cun bloque no que o terror de serie B será o principal protagonista (23:00 horas). Así, todos os asistentes poderán ver fenómenos paranormais, noites de Halloween terroríficas e moito misterio en filmes como Rewind, de Rubén Pérez Barrena; Aprieta pero raramente ahoga, de David Pérez Sañudo ou 9 pasos, de Marisa Crespo e Moisés Romera.
O derradeiro día do Galician Freaky Film Festival estará dedicado ás sesións Frikismo do País onde se mostrarán pezas galegas cun claro compoñente freak como Maullidos de latex, de Brian Rodríguez Cortiñas, que trata da vida dun home que recobra o seu optimismo poñéndose unha máscara de gato e International Freak Session, un bloque coas mellores curtas internacionais de países como Reino Unido, Arxentina, Paraguai, Suecia, México, EE.UU. e Grecia.