Guadi Galego publica o seu quinto disco en solitario, "Costuras". A autora, galardoada no 2019 co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe polo seu último traballo "Inmersión", confirma o momento creativo no que se atopa e reafirma o seu xeito de dicir.
Dez cancións de Guadi Galego e Carlos Abal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador, onde a autora amosase tal como é. Tres colaboracións compoñen o disco, dúas poetas Antía Otero e Marina Oural e unha cantante, a catalá Paula Grande.
A produción musical, a cargo de Olivera Estudi, dá un novo aspecto ás creacións de Guadi, entrando en campos electrónicos, sen esquecer a parte máis orgánica, creando texturas únicas dentro do pop.
"Costuras" publícase nun orixinal "Digipack", a portada contén unha obra do pintor Ricardo de Barreiro que cada persoa descobre rascando a superficie gris. Un bo xogo que invita ao comprador do álbum a crear a súa propia versión da mesma. "Costuras" tamén está dispoñible en plataformas dixitais.