O Día das Letras Galegas en Nigrán celébrase nas librerías e no pequeno comercio

Publicidad

O Concello de Nigrán festexará o Día das Letras Galegas este ano recordando a figura de Ricardo Carvalho Calero a través das librerías do municipio e o pequeno comercio. Pese as circunstancias derivadas do COVID19 que obrigaron a trocar as datas de homenaxe oficial ao autor, o Concello de Nigrán quere celebrar a súa figura neste 17 de Maio que a el lle correspondería.

Así, o goberno local entregará gratuítamente entre as librerías e os establecementos de cara ao público que o soliciten ao mail comunicacion@nigran.org un lote de postais deseñadas  para a ocasión que resumen a súa biografía e conteñen unha extracto da súa obra ‘A Xente na Barreira’ (primeira novela en galego da posguerra, 1951). Estas postais irán, ademais, acompañadas dunha bolsa de algodón ilustrada a tinta marrón co emblemático mosaico romano de Panxón reaparecido no 2019 nun anticuario de New York (EEUU) e que o goberno local trata de repatriar tras 20 anos en paradeiro descoñecido. O obxectivo é que os comerciantes agasallen con estes dous obsequios a súa clientela máis fiel. As peticións e conseguintes entregas se realizarán ao longo de todo o mes de Maio, prestando especial atención a aqueles comercios que abren as súas portas este domingo para que o poidan entregar o mesmo día 17.

“Este é un ano diferente pero non por iso queríamos deixar de festexar as Letras Galegas, por iso quixemos homenaxear a figura de Carvalho Calero a través precisamente do comercio de proximidade, eles son os que dan vida ás nosas rúas e os que máis apoio e motivación precisan agora mesmo para saír adiante”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “o mesmo que Carvalho Calero é patrimonio universal da literatura galega, o mosaico romano de Panxón é esencial na Historia de Nigrán e da Península e queremos seguir promovendo a súa existencia e a necesidade de devolvelo a súa terra”, incide. Este mosaico mide un metro cadrado e representa un gran muxo de 77 centímetros, unha parella de ameixas e varias decoracións abstractas e xeométricas. Está insertado nunha mesa de castaño tras atopalo a finais do século XIX nunha excavación no chamado castro de Panxón e decidir a familia De Puga conservar así ese fragmento. “É a primeira vez que se emprega este mosaico como imaxe promocional de Nigrán e así o seguiremos a facer, porque consideramos que temos que manter viva a súa existencia e loitar xuntos para que regrese”, incide González.

Carvalho Calero

A Real Academia Galega adica as Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero.

Carvalho Calero foi un dos maiores intelectuais galegos do século XX, tanto como ensaísta e creador como por ser un incansábel galeguista. Interesoulle desde cedo a literatura e a política; estudou na Universidade de Santiago e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia. A Guerra Civil frustra a súa traxectoria e despois de loitar no bando republicano é represaliado pola ditadura franquista. En 1965 tórnase o primeiro profesor de galego da Universidade. A partir de 1975 comeza a defender as posicións reintegracionistas para o galego, o que provocaría que fose marxinado polas institucións. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

Salir de la versión móvil