Coa celebración do Día das Letras Galegas, a banda viguesa de metal Dioivo publicou unha nova canción titulada “Hai Sede na Nova Galicia”, na que poñen música ao poema homónimo do homenaxeado Florencio Delgado Gurriarán. Este poema describe a saudade que o escritor valdeorrés sentía pola súa terra mentres estaba exiliado en México logo da Guerra Civil, e pertence a unha das súas principais obras, Galicia Infinda, editada por Galaxia en 1963. Para completar a homenaxe, o grupo acompañou a canción dun videoclip realizado por YOD Multimedia que xa pode verse na súa canle de Youtube.
Esta non é a primeira vez que Dioivo emprega a literatura galega na súa música, xa que o ano pasado conmemorou o 50 aniversario da mítica novela Retorno a Tagen Ata cunha adaptación musical da mesma na que contaron con narracións do propio autor, Xosé Luís Méndez Ferrín. De feito, o grupo naceu poñendo música a Rosalía de Castro e ao seu poema “Sempre pola Morte Esperas”, para participar nun concurso organizado polo Concello de Vigo en febreiro de 2016. Nesta ocasión optaron por homenaxear ao autor elixido para o Día das Letras deste ano, que destacou polo seu fondo compromiso antifascista e co pobo galego.
O dúo vigués gravou este tema, novamente, no estudio de DS Audio con Dany Soengas, coñecido músico de bandas viguesas como Atreides, Skydancer ou Lardelúa. Agora están presentándoo en directo, para o que xa teñen varios concertos programados. O seguinte deles será no Pub Transylvania de Vigo xunto á coñecida banda coruñesa Bloodhunter, liderada pola vocalista Diva Satánica, o día 10 de xuño. A canción, polo momento só dispoñible en Youtube, estará axiña tamén no resto de plataformas dixitais, e supón un adianto do novo disco dos vigueses, que xa teñen un álbum e dous EP publicados.