O Baixo Miño convértese estes días en plató de cinema. A produtora galega Loba Films vén de iniciar a rodaxe de “Dúas Cores”, curtametraxe dirixida pola directora Cris Yáñez. A valdeorresa aposta por unha curta intimista que fala sobre a infancia e na que os veráns e a paisaxe do rural galego son elementos claves. Con esta premisa, adquiren especial importancia emprazamentos como o pobo de Vilachán do Monte, no concello de Tomiño, ou os Muíños do Folón e do Picón, en O Rosal.
Porén, a conexión co Baixo Miño non quedará soamente nos seus escenarios. A banda sonora orixinal estará creada polo compositor Andrés Álvarez Hernández xunto coa Agrupación Musical de Goián (Tomiño).
A produción apostará polo protagonismo para novas facianas do audiovisual galego, como Claudia Basallo e Sira Rodríguez, mais tamén contará coa colaboración de actrices consolidadas como Mela Casal, coñecida pola súa interpretación en televisión en series -como Mareas Vivas (TVG), Fariña (Antena 3)- e películas -como A Esmorga (2014) ou Vilamor (2008)-, e Melania Cruz, intérprete en Serramoura (TVG) ou nos filmes Trote (2017) e Dhogs (2017), entre outros.
Loba Films é unha produtora audiovisual independente que xorde no ano 2019 como proxecto académico dun grupo de alumnos de comunicación audiovisual. Dende ese momento este grupo segue creando proxectos únicos e especiais, resaltando o poder da muller e da paisaxe galega. Deste xeito, manifestan novamente a súa necesidade de dar voz a historias ocultas.
Ata o momento realizaron dúas pezas máis: A ninguna parte de Pedro Vilas e Na memoria da túa esposa, tamén de Cris Yáñez. Grazas a estas curtas foron seleccionados e galardoados en festivais de cine de gran importancia como o Curtas Armadiña, Curtocircuito, Festival de Cine de Zaragoza, XoCIVIGA, Cans, Primavera do Cine, etc. Tamén realizaron un videoclip titulado “Drifting Away” dirixido por David Cruces en colaboración cunha cantante danesa.