Paula Cabaleiro, nova directora de Cultura da Deputación de Pontevedra

Publicidad

“Se a cultura era xa unha das nosas grandes apostas e prioridades, non teño ningunha dúbida de que a partir de agora vai haber un revulsivo moi importante”, asegurou Carmela Silva ao dar a coñecer o nomeamento de Paula Cabaleiro como nova directora do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra. A presidenta e a deputada de Cultura, Vicky Alonso, explicaron o obxectivo principal deste novo posto de dirección en prol do ordenamento das “liñas estratéxicas culturais para configurar unha identidade propia do servizo que vai permitir, á súa vez, reforzar accións, poñer en marcha proxectos globais e avanzar na democratización da cultura, facéndoa igualitaria e inclusiva”. Así, baixo a dirección de Cabaleiro, o departamento de Cultura da Deputación vai centrar a súa acción en catro eixos de actuación: promoción dos recursos culturais da provincia, configuración dunha oferta cultural propia, promoción do patrimonio intanxible e apoio á produción cultural contemporánea.

En liñas xerais, a partir de agora a política cultural da Deputación vai ampliar os programas e propostas actuais con novas accións, partindo dos ODS para impulsar políticas culturais responsables, en colaboración cos concellos e fomentando que a cidadanía poida acceder aos servizos culturais. Máis polo miúdo, baixo a dirección de Paula Cabaleiro, o servizo de Cultura vai traballar centrándose en catro eixos de actuación que van recoller todas as actividades que vai impulsar a institución provincial neste eido e que van abordar tamén, de forma transversal, cuestións como a igualdade, obxectivo prioritario do goberno de Carmela Silva, a sustentabilidade ou a inclusión.

Así, o primeiro dos eixos de actuación do servizo de Cultura será a promoción dos recursos culturais e inclúe, tal e como explicou a nova directora, a súa posta en valor, conservación e actualización ben a través de proxectos de restauración e recuperación, sinalización, musealización ou de exposicións temporais e recoñecemento.

No que respecta ao segundo eixo de traballo, a oferta cultural propia, Cabaleiro adiantou que se van impulsar actividades, proxectos e programas dende o servizo de Cultura para toda a provincia de Pontevedra. Así, aquí agrúpanse tanto as exposicións temporais, como roteiros literarios, contacontos, obradoiros, formación en literatura como a nova Escola das Letras, ciclos de música clásica, programación musical, fomento da cultura popular galega ou novos programas de apoio específico á programación de artes escénicas e festivais de cine.

O terceiro grande eixo do servizo de Cultura será a promoción do patrimonio intanxible e a posta en valor e recuperación da memoria. Neste eido traballarase a través de exposición, obradoiros, xornadas e encontros, pero tamén mediante proxectos de investigación, literarios e outros que promovan a divulgación e publicación de contidos relacionados con esta temática.

Finalmente o cuarto eixo de actuación do servizo de Cultura vai ser o apoio á produción cultural contemporánea, “tan importante se queremos garantir a supervivencia do sector”. Inclúense aquí propostas encamiñadas a premiar a creación cultural contemporánea e a visibilizala, así como certames, bolsas, subvencións, actividades de dinamización cultural e intercambios internacionais.

Nestas catro áreas Cabaleiro, como detallou a presidenta provincial, ten “acreditada experiencia”. Así, Carmela Silva explicou o amplo currículo da nova directora de Cultura, seleccionada por unanimidade por un órgano técnico de funcionarias e funcionarios da Deputación de Pontevedra e que exerce xa as súas funcións dende o 15 de maio, entre os que se valorou positivamente os seus amplos coñecementos na dirección de plans ou programas culturais, así como a súa experiencia no desenvolvemento de proxectos de dirección e xestión cultural e o vínculo co mundo local. Amais, a presidenta destacou o seu compromiso coa visibilización das mulleres no mundo artístico: “é unha muller nova, potente, comprometida, traballadora, que lle vai dar un pulo moi importante á área de cultura”.

Salir de la versión móvil