“La felicidad de los perros” e “Chuva é cantoria na aldeia dos mortos” triunfan no Primavera do Cine de Vigo

Publicidad

Despois de cinco días cheos das mellores obras galegas e lusófonas, diferentes actividades paralelas de gran éxito, como o Cine nos Barrios, coa proxección en Navia, o Casco Vello Alto e o Calvario de varias obras lusófonas, Viva Cuba, unha retrospectiva de cinema cubano ou Cine Miúdo, o Primavera do Cine despedirá a súa oitava edición cunha gala de clausura repleta de humor, música e cinema lusófono e moitas emocións.

A gala final comezou ás 19:00 horas no Auditorio do Concello cunha interpretación musical de Senza, unha banda portuguesa de Aveiro formada por Catarina Duarte e Nuno Caldeira que inspira as súas melodías nas viaxes que fan ao redor do mundo, para deixar paso a actriz galega Bea Campos, quen presentou a velada e puxo o toque de humor.

Antes de entregar os primeiros galardóns, feitos polo artista Íñigo Almeida, a presentadora e actriz fixo un pequeno resumo do que deu de si a oitava edición do Primavera do Cine, que este ano proxectou máis de 75 pezas audiovisuais de Galicia e dos países lusófonos. Así, Bea Campos lembrou tamén a gran calidade das obras que se puideron ver no certame, premiadas e seleccionadas nos mellores festivais do mundo.

A presentadora tampouco se esqueceu do resto das actos que se levaron a cabo no festival, dende Cine Miúdo, evento ao que acudiron máis de 800 nenos, ata Cine nos Barrios pasando pola charla de interpretación de Morris, ou o fin de festa grazas ao concerto de Basanta e a Festa dos Videoclips.

Por suposto, tamén houbo un oco para lembrar a gran estrea de La felicidad de los perros, de David Hernández en Vigo, a súa cidade natal, e o éxito absoluto de La pasión de Juana de Arco no Conservatorio Superior de Música, un evento cheo de emoción no que nin os músicos nin o público puideron conter as bágoas. Así mesmo, recordou que todos estes actos e proxeccións traducíronse nun incremento da reputación e do recoñecemento do festival e que serviron para afianzar as alianzas cos diferentes axentes culturais de Vigo, Galicia, Portugal e Brasil.

Os primeiros galardóns en darse a coñecer e feitos polo artista Íñigo Almeida chegaron quince minutos despois de dar comezo o evento e foron o Premio Primavera do Cine á mellor curta lusófona, outorgado a Alison Zago por Narrativas de um crime, un filme que se centra na vida de dous policías de caracteres moi diferentes que teñen que traballar xuntos nunha escena dun crime e o Premio CREA á mellor curta galega onde Fran X. Rodríguez e a súa curta Beautiful Boy, unha historia sobre o consumismo, conseguiron alzarse co galardón.

Despois dunha pequena actuación de Senza, tocoulle o turno ao Premio Primavera do Cine ao mellor videoclip, que conseguiu o grupo musical Mileth, grazas a Bruma e salitre, feito por Xaime Miranda. Uns minutos despois daríase a coñecer o Premio Primavera do Cine ao mellor traballo de animación por parte do público. Así, as gañadoras son Mónica Santos e Alice Guimarães por Entre sombras, unha cinta ambientada na cidade de O Porto e feita en imaxe real, pero rodada en stop motion. Nela nárrase a aventura de Natalia, unha muller atrapada nun traballo monótono, e a súa procura por atopa un corazón roubado. Ademais, nun mundo onde os corazóns poden depositarse nos bancos, tamén terá que decidir se deixa o seu nun deles ou pola contra, opta por gardalo para si mesma

Xa no ecuador da gala de clausura desta oitava edición do Primavera do Cine e como conmemoración da irmandade Galego-Lusófona no Día da Lingua Portuguesa os asistentes gozaron dunha pequena interpretación teatral do grupo de teatro Amador do Instituto Camões que serviría coma introdución ao que viría a continuación: a proxección da curta O meu poeta, de Hugo Portela Larisch, que afonda no sentimento de saudade a través da música, a poesía e as lembranzas familiares.

Xa a piques de rematar a noite, o xurado profesional composto polo guionista e cineasta Alexandre Cancelo, a actriz e docente de interpretación Lola Correa, o crítico, programador e profesor de guión da Universidade de Vigo José Manuel López e Anabel G. Penín, quen formou parte da directiva do Cineclube Lumière e foi responsable da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo durante oito anos outorgaron os premios á mellor longa lusófona e á mellor longa galega, así coma unha mención especial no apartado de longas lusófonas.

Deste xeito, Lola Correa e José Manuel López subiron ao escenario e déronlle o Premio do Xurado Primavera do Cine á mellor longa lusófona a Alva, de Ico Costa, filme que que conta a historia dun crime e de como o seu protagonista decide agocharse nun bosque, por “transmitir sen concesións a complexidade do comportamento humano. Pola súa capacidade para narrar subvertindo as formas clásicas do relato cinematográfico. Alva é unha aposta polos límites da expresión artística que xoga con mestría co son e a contención dramática para crear unha experiencia artística única e reveladora”.

Ademais, tamén se entrega unha Mención Especial do Xurado a Deslembro, de Flávia F. Castro “pola súa capacidade para amosar os espazos interiores dunha familia e a súa sensibilidade exquisita para retratar o paso á madurez e a memoria persoal e colectiva”.

Doutra banda, o Premio do Xurado Primavera do Cine á mellor longa galega foi outorgado por Anabel G. Penín e Alexandre Cancelo a La felicidad de los perros, de David Hernández pola “súa forza expresiva, o seu manexo do tempo e a calidade da súa aposta dramática. Por facer do cinema unha experiencia colectiva e a súa capacidade para aunar talentos nun proxecto honesto de grande ambición artística. La felicidad de los perros encarna os valores de compromiso social, ético e estético que defende o festival Primavera do Cine”.

O tan ansiado Premio do Público Primavera do Cine á mellor longa lusa foi para Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, de João Salaviza e Renée Nader Messora, un filme que explora a vida dun mozo, Ihjãc, pertencente a unha tribo indíxena do norte do Brasil e de como escapa a cidade para fuxir do seu destino de converterse en chamán.

Xa o Premio do Público Primavera do Cine á mellor longa galega recaeu en La felicidad de los perros, de David Hernández, facendo así dobrete nesta oitava edición do Primavera do Cine. Trátase dun filme que narra a vida de César, home casado de 40 anos e con unha filla que se queda sen traballo. A cinta ten como transfondo a crise económica e relata o complicado que é ter proxectos de vida e que, sen dúbida, cautivou tanto o público coma o xurado profesional.

Finalmente, o director do festival, Juan de Castro pechou a gala cun discurso final. Nel quixo destacar que a oitava edición do Primavera do Cine “foi unha edición marabillosa no que os filmes da sección oficial gustaron moitísimo” e continuou dicindo que, pese as carencias “nunca tan pouco e con tan pouco fixeron un gran programa coma o deste ano”

Juan de Castro recordou tamén que grazas a esta edición “fortalécéronse as alianzas con múltiples entidades galegas e estranxeiras” e que este foi, sen dúbida “o mellor festival de cine que tivo a cidade”.

Salir de la versión móvil