Provocar un arrepío en 30 segundos, o obxectivo do certame “Curta ou Susto”

Publicidad

Serás quen de provocar un arrepío en 30 segundos? O festival vigués Galician Freaky Film Festival vén de lanzar unha convocatoria para creadores audiovisuais, afeccionados ou profesionais, co fin de que poñan “en forma o seu músculo creativo” nun certame de “Curta ou susto”.

O certame, no que se poderá participar ata o 30 de maio, busca obras dun máximo de trinta segundos (sen ter en conta a duración dos créditos finais) nos que se transmita calquera sensación que produza un forte arrepío nos espectadores.

Como participar?

Para facer chegar á organización os traballos haberá que utilizar as redes sociais. Os participantes terán que publicar o seu vídeo incrustado nas súas propias contas de Facebook, Instagram ou Twitter, seguir nesa mesma rede ao GFFF, utilizar o hashtag #CurtaOuSusto e ademais etiquetar ao festival.

O tempo para poder participar estenderase ata o 30 de maio. Pódense consultar as bases completas na web do festival. Os mellores traballos proxectaranse na #3 edition do Galician Freaky Film Festival que polo momento mantén as datas iniciais e celebrarase do 28 ao 31 de outubro de 2020.

O certame regresa unha vez máis a sala Videodrome e a cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O mellor do peor da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo.

Na edición de 2019 volvéronse a bater as cifras de asistentes, superando o millar de persoas. Algo que demostra, explican dende a organización, que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito.

O GFFF reivindica e recupera o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube .

Salir de la versión móvil