O IES Politécnico de Vigo volverá a acoller este venres o “Encontro pola Cultura”, unha iniciativa que busca reflexionar o estado de saúde do ámbito cultural na cidade de Vigo. Despois do primeiro debate aberto celebrado en novembro, este venres celebrarase a segunda cita na que, desta vez, contarán cos representantes dos grupos políticos da cidade.
Organizado polo colectivo CAÍN, o Ateneo Atlántico, a Agrupación de Amig@s do Marco, a asociación A Colectiva, o Espazo Cubo, a plataforma +Social e o Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA), buscarase coñecer cal é o compromiso político e as propostas de acción das forzas políticas que concorren ás eleccións municipais en relación “á grave situación das políticas culturais e sociais na cidade de Vigo”.
Os convocantes consideran que na cidade se está a producir unha “flagrante falta de democracia participativa, transparencia e convocatorias públicas de acceso aos recursos”.
A cita, que arrancará 17:30 horas no IES Politécnico de Vigo, plantéxase a modo de debate moderado pola xornalista ourensana Fernanda Tabarés e contará con representantes de Partido Popular (PP), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia(CXG) e Marea de Vigo. Pola súa parte, o PSdeG-PSOE rexeitou “oficialmente” o convite a participar no encontro.