Tui conmemorará os históricos Xogos Florais cun recital da man de catro poetas galegos

Pasada edición da conmemoración dos Xogos Florais de Galicia en Tui // Facebook Concello de Tui

Publicidad

A poesía tomará Tui este venres coa conmemoración do CXXXI aniversario dos Xogos Florais de Galicia que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891, marcando un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado íntegramente en galego. O acto conmemorativo consistirá na celebración dun recital poético o próximo venres, 24 de xuño, ás 20:00 horas na Praza de Frómista, fronte ao Teatro Principal que acolleu os actos centrais dos Xogos Florais. No evento participarán as e os poetas Marta Dacosta Alonso, Gonzalo Navaza, Lorena Conde e Marga do Val, que estarán acompañados por Marta Quintana e a súa arpa.

Marta Dacosta Alonso (Vigo, 1966) é docente de ensino medio e comezou a publicar poesía na década de 1980, a través de colaboracións en diferentes revistas. O seu primeiro libro publicouse en 1993. Recibiu o accésit do premio Esquío e os premios González Garcés, Martín Codax, O Figurante e Johán Carballeira, entre outros. A súa obra foi recollida en antoloxías e traducida a varias linguas, sendo musicados algúns dos seus poemas ou incorporados a proxectos teatrais. Entre a súa obra poética destacan as obras "Crear o mar en Compostela", "Pel de ameixa", "Setembro", "En atalaia alerta", "As Amantes de Hamlet", "Cinsa", "Acuática alma", "Argola", "Dun lago escuro", "Na casa da avoa" e "Labirinto ou memoria".

Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) é escritor, tradutor e profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. A súa actividade literaria, premiada galardón da Crítica Española de poesía por "Fábrica íntima" en 1991 e "Libra" nos 2000 e co premio Martín Códax e o San Clemente de narrativa por "Erros e Tánatos" en 1998, complementáse coas traduccións de numerosas obras de autores como Jack London, Charles Baudelaire ou Arthur Conan Doyle. Navaza destaca polo seu labor no campo da toponimia, no que é un especialista e unha das grandes referencias en Galicia.

Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980) é dramaturga, directora de teatro, actriz, artista plástica, narradora e poeta. Ademais, escribe e dirixe teatro dende hai máis de 15 anos e é cofundadora das compañía Matrioshka e AFeroz. En 2016 gañou o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés con "Entullo", o seu primeiro poemario. En 2020 faise co III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola novela "Velloucas & Minchas", co XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense polo poemario "As puntas da louza: Cancioneiro de labor", e co I Premio de Poesía Filomena Dato polo poemario "Ave do Paraíso".

Marga do Val (Vigo, 1964) é licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de ensino medio de Lingua e Literatura Galega. Do Val tamen é crítica literaria e articulista en diversos medios, autora de varios poemarios como "Entre dunas", "Poemas pola memoria", "Sarabia", "A cidade sen roupa ao sol" pola que obtivo o Premio da Critica en 2011, da novela "O prognóstico da lúa" e de varias adaptacións teatrais para a compañía viguesa Teatro Arte Libre", así como a tradución de diversas obras literarias.

Este recital tamén contará con participación da arpista mosense Marta Quintana na parte musical, que interpretará diversas pezas coa súa arpa. No ano 2006 Quintana fundou o dúo Sete Saias, co que realizou un traballo discográfico considerado unha das mellores iniciativas musicais dese ano. Como arpista e cantante compartiu escenario con artistas como Budiño ou Mercedes Peón, no Festival Intercéltico de Lorient de Francia representando a Galicia. No ano 2011 autoedita e produce "Amable" e representa a España no Festival Mundial de Arpa de Paraguai, continúa tocando en numerosos escenarios. No 2014 produce e edita "Lus" baseado en textos do poeta Díaz Castro. Na actualidade é directora do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres de Tui.

Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, estes actos conmemorativos do CXXXI aniversario da celebración en Tui dos Xogos Florais de Galicia, "sitúan por uns días a nosa cidade como protagonista no ámbito da cultura de Galicia e evidencian unha vez máis, a singular achega de Tui á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo, salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público".

Xogos Florais de Galicia, Tui 1891

Estes actos rememoran a celebración dos Xogais Florais de Galicia de 1891 en Tui, o primero acto público realizado íntegramente en galego e que, organizado pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. Desta maneira, Manuel Murguía, primeiro presidente da institución, convertíase no primero intelectual en dirixirse ao público en galego cun dicurso que sinalaba "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

En Tui organizouse un amplo programa, que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo, entre o que destacan o propio acto dos Xogos, un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" ou a función solemne de San Telmo coa orquesta catedralicia dirixidia polo mestre Manuel Martínez Posse. Para a cidade tudense, estes actos supoñen "evidenciar, nunha nova oportunidade, a singular achega da nosa cidade á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público".

Salir de la versión móvil