A homenaxe a Xela Arias no Día das Letras Galegas converte a Vigo no gran epicentro desta celebración no 2021. Esta conmemoración vai máis aló do 17 de maio. Así o quere a Real Academia Galega (RAG), que hai un días xa fixo público un avance das actuacións que se levarán a cabo ao longo do ano para recordar a figura da escritora e mestra que medrou como persoa e como escritora na urbe galega.
Vigo, por tanto, será importante na programación do Día das Letras Galegas. Porén, é fundamental a aportación do Concello de Vigo. Este mércores, Abel Caballero e o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes mantiveron un encontro para cooperar conxuntamente no recoñecemento á traxectoria creativa e a aportación que fixo Xela Arias á nosa cultura.
O rexedor vigués anunciou en rolda de prensa que o Concello colocará, entre outras accións, unha placa de bronce no domicilio da infancia e xuventude de Xela Arias, “unha gran viguesa nacida noutras latitudes de Galicia”, sinalou Abel Caballero. Este elemento de recordo estará situado na rúa Zamora.
O alcalde da urbe galega destacou de Xela Arias a súa aportación en grandes movementos culturais como é o caso da movida viguesa “dende a súa propia visión da literatura e da poesía”.