Os asistentes ao Festival de Cans deste 2019 poderán desfrutar, en exclusiva, dun avance de “Beiras: vivir dúas veces”, o documental dirixido por Jorge Coira que percorre a vida do histórico político galego. Dentro da sección de “Fillas e Fillos de Cans”, parte da metraxe da peza amosarase da man do director e do propio Xosé Manuel Beiras (Santiago, 1936), que visitará o festival.
A peza documental, que se atopa en fase de montaxe, é a primeira longa producida pola produtora OlloVivo e tamén a primeira en percorrer a vida dun dos referentes políticos da Galicia contemporánea. Aos seus 83 anos, Beiras é xa parte da historia de Galicia. Independentemente da sensibilidade política, a súa paixón, arroxo e particular forma de entender a vida pública fai del un home respectado e admirado polos seus seguidores, pero tamén polos que foron contrincantes ideolóxicos.
A produción do documental foi posible grazas a unha campaña de crowdfunding coa que se logrou superar a cifra dos 12.000 euros (pedíanse 10.000) para poder repasar a súa traxectoria seguindo dúas pistas: dunha banda, os lugares que mellor o identifican; e doutra, as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas. Ese repaso da experiencia trénzase cunha das súas actividades predilectas: a conversa.
Aínda que hoxe Beiras está –relativamente- arredado da actividade pública, dende a produtora do documental explican que “mantén íntegra a súa paixón por comprender o mundo, por compartir a súa visión, por contrastala, por pensar o futuro, o presente e o pasado”. Por iso, “Beiras. Vivir2Veces” non quere ser un filme sobre Beiras, senón un filme con Beiras.
Os interesados en acudir á presentación poderán facelo o venres, 24 de maio, no Baixo do Moncho dende as 16:30 horas. Tamén se presentarán os primeiros minutos inéditos de “9 Fugas”, peza de Fon Cortizo, “¿Qué hicimos mal?” de Liliana Torres, “Ursúas”, de Roi Fernández e “El Santa Isabel”, o thriller realista de Paula Cons que trata o tráxico accidente do barco de vapor afundido en 1921 fronte a Sálvora con 260 emigrantes que ían cara Bos Aires.