A Investigación e Innovación Responsable (RRI polas súas siglas en inglés) ten como obxectivo desenvolver proxectos, actividades e iniciativas que contribúan a reducir a fenda entre a comunidade científica e todos os axentes sociais, dende a cidadanía ata a administración, pasando polo sector empresarial e industrial, e o tecido da economía social. Este enfoque, cada vez máis presente na contorna da I+D, foi obxecto de análise este xoves nunha xornada centrada especificamente na súa aplicación no eido da investigación mariña.
O evento, Investigación e innovación responsable no ecosistema de I+D+i de Galicia. Exemplo práctico no ámbito mariño, tivo lugar en modalidade semipresencial e serviu tamén para presentar un convenio de colaboración asinado entre o Centro de Investigación Mariña da UVigo (CIM) e Ecobas (Economics and Business Administration for Society) coa Fundación para la Pesca y el Marisqueo (Fundamar), entidade que precisamente ten como obxectivo fomentar a colaboración entre a sociedade e os organismos de investigación. Os encargados de presentalo foron a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio e o presidente de Fundamar, Javier Touza, xunto coa directora de Cetmar, Paloma Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que participou no acto de peche da xornada.
Un cambio de paradigma
O concepto da Investigación e Innovación Responsable reivindica unha I+D+i aberta, en diálogo constante coa contorna, dando resposta ás demandas da sociedade e preocupada polos impactos dos seus avances no medio ambiente e na cidadanía. Os encargados de debullar polo miúdo as súas características foron Anxo Moreira, técnico de I+D da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo e o investigador de Ecobas e Starting Grant, Mario Pansera. Ambos coincidiron en remarcar que RRI “non é unicamente un requisito para cubrir unha proposta, é un cambio global cuxo obxectivo é promover cambios institucionais e culturais na comunidade científica, nas institucións de investigación e nas axencias de financiamento”, en palabras de Moreira. Constitúe, segundo Pansera, un “cam.bio de paradigma que ten que ver cun cambio social referente á relación que establece a sociedade co persoal científico” xa que, como lembrou o investigador, “o coñecemento non só se produce nas universidades e nos laboratorios, senón que son moitos os grupos sociais o que o xeran”. Neste sentido demandou un novo pacto social que permita “democratizar o proceso de decisión sobre a ciencia a e innovación”.
Un convenio para xerar sinerxías e responder ás demandas da sociedade
No transcurso de acto tamén se presentou o convenio asinado entre CIM, Ecobas e Fundamar, de catro anos de duración, que ten como obxectivo promover a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade, principio no que se basea a RRI. Trátase de que as tres partes cooperen no desenvolvemento de proxectos de investigación; na organización de actividades académicas como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; no apoio ao persoal investigador e ao estudantado; no intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese común; en proxectos culturais e divulgativos; na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade e na mobilidade de estudantes e de persoal docente e investigador. Javier Touza lembrou que Fundamar intégrana a patronal, Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, ARVI, e os sindicatos UGT e CCOO, que conforman a maioría da representación no ámbito social e económico da pesca marítima e o marisqueo en Galicia. É por iso que Touza considera que este acordo constitúe un paso máis para “tender unha ponte ente a investigación e as necesidades dos profesionais do sector mariño en Galicia e a sociedade en xeral”. Para isto, considera “imprescindible atopar espazos de encontro e actividades vencelladas co open innovation como forma de economía colaborativa” e desenvolver “un traballo coordinado entre a I+D e os profesionais do sector”.
Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, cualificou o convenio como “unha maridaxe perfecta entre CIM, Ecobas e Fundamar” e repasou os seis piares sobre os que se asenta a RRI: educación científica, igualdade de xénero, acceso aberto, ética, participación cidadá e gobernanza. Paloma Rueda foi a encargada de trasladar o agradecemento da conselleira do Mar e celebrou este “acordo entre a I+D e a organización do sector marítimo-pesqueiro” que permitirá desenvolver unha ciencia máis aberta e un “sistema máis inclusivo, transparente e colaborativo”, aliñando os procesos de investigación e resultados sociais.