A maior concentración de microplásticos modelizada na ría de Vigo atópase preto de Samil

Publicidad

Investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Aveiro e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) realizaron un estudo sobre o transporte e acumulación de micropolásticos emitidos a través das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) na ría de Vigo. Empregando un modelo de simulación de partículas, comprobaron como a distribución dos microplásticos depende en gran medida da etapa de marea no momento da súa saída das depuradoras.

O traballo foi publicado recentemente na revista Marine Pollution Bulletin nun artigo titulado Modelling the distribution of microplastics released by wastewater treatment plants in Ria de Vigo (NW Iberian Peninsula). Está asinado por Maite de Castro, Marisela Des, José Luis Gómez Gesteira e Moncho Gómez Gesteira, do grupo Ephyslab (CIM-Universidade de Vigo); Magda Sousa, Américo Ribeiro e Joao Dias, da Universidade de Aveiro (Portugal), e Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO).

Programa de simulación

Segundo explican as e os autores do traballo, “estímase que as centrais de tratamento de augas residuais son a principal fonte de microplásticos (< 5 mm) en zonas costeiras debido ao lavado de prendas cun alto contido en fibras plásticas como poden ser PET ou nailon”. No seu estudo, detallan, empregaron un módulo lagranxiano do programa hidrodinámico Delft3D para simular con partículas virtuais as traxectorias seguidas polos microplásticos a partir das sete depuradoras existentes na ría, sendo a máis importante a EDAR Lagares.

O modelo desenvolvido foi calibrado previamente con datos de campo relativos á concentración de microplásticos en mexillóns de rocha en diferentes zonas da ría, o que outorga ao traballo “un considerable grao de confianza nos resultados obtidos”, segundo indican os seus responsables. Á hora de valorar o traballo realizado, tamén apuntan como o comportamento das partículas é “practicamente independente” das características particulares dos microplásticos (tamaño e densidade), o que fai que o estudo acade “un importante grao de xeneralidade, sen depender do tipo específico de microplástico vertido”.

Impacto na ría e no océano

Sobre os resultados acadados, as e os investigadores participantes salientan que “no caso da ría de Vigo, a maior concentración de microplásticos modelizada foi observada na costa sur da ría, nas proximidades da cidade de Vigo, concretamente preto de Samil, sendo practicamente inexistente en áreas do interior da ría”. Polo que respecta á análise da emisión de microplásticos atendendo ás mareas, o traballo recolle que no caso de mareas vivas, arredor dun 20% dos microplásticos emitidos no interior da ría chegarían ao océano aberto, unha fracción semellante (arredor dun 24%) quedaría nas proximidades das illas Cíes e o restante repartiríase polo conxunto da ría. En condicións de mareas mortas, a cantidade de microplásticos exportados ao océano aberto e á illas Cíes sería “insignificante”.

Froito do estudo levado a cabo, indican os seus responsables, “detectouse que o estado da marea no instante de emisión de microplásticos é fundamental para coñecer o seu posterior transporte e determinar as zonas de acumulación”. Así, afirman, “o coñecemento da relación existente entre o estado de marea e a dispersión de microplásticos pode levar a mellorar as estratexias de emisión co fin de minimizar o seu impacto no interior da ría”. Neste senso, e aínda que non foi o obxecto de estudo deste traballo, amosan tamén a súa convicción de que “deben mellorarse os sistemas de tratamentos de augas residuais para evitar a emisión ao medio ambiente de microplásticos”.

Salir de la versión móvil