A UVigo homenaxea oo seu persoal xubilado, persoas fundamentais no crecemento da institución

Publicidad

“Unha gran satisfacción, así como un importante enriquecemento persoal”. “Aprendizaxe, responsabilidade, compañeirismo, amizade”. “Traballo, coñecemento e gratitude”. “Unha grande oportunidade de continuar o meu desenvolvemento científico e docente”. “Un reto vela nacer e un soño cumprido, vela consolidarse”. “Trinta e oito anos, a miña segunda casa, o meu outro cuarto propio…”. Estas son algunhas das reflexións que sobre o seu paso pola Universidade de Vigo fan parte das 88 persoas que hoxe foron protagonistas do acto organizado pola institución académica para recoñecer ao seu persoal xubilado entre os anos 2018 e 2020. En total foron 63 integrantes do persoal docente e investigador (PDI) e 25 membros do persoal de administración e servizos (PAS) os que recibiron hoxe, nun acto celebrado na praza Miralles, a insignia da UVigo en recoñecemento ao seu labor desenvolvido nos tres campus durante os últimos anos.

Jesús de Juana López, en representación do PDI, e Ángeles Carballo Gonzalez, en nome do PAS, foron os encargados de trasladar ás persoas asistentes as súas impresións sobre as súas vivencias profesionais e persoais na Universidade de Vigo, mentes que o reitor, Manuel Reigosa, agradeceu ao persoal xubilado que fixera posible co seu esforzo e dedicación de anos que a UVigo acadase o recoñecemento internacional que a sitúan como unha das mellores 600 universidade do mundo, segundo ránking de Shanghai. “O importante son as persoas, e hoxe celebramos o traballo intenso de moitos anos, que é a clave do éxito e que tamén predí o que imos ser no futuro”, dixo o reitor. Na súa intervención, Reigosa fixo un repaso pola historia recente da Universidade, asegurando que “é incrible que en 31 anos esteamos onde estamos”, sendo recoñecida como unha das 600 mellores institucións académicas do mundo e tamén, como unha das 12 universidades españolas, que poden ser cualificadas así desde o punto de vista da legalidade, segundo a última norma elaborada polo Goberno. Tras reiterar que, máis aló do financiamento e dunha organización eficiente, o éxito da UVigo radica nas persoas, o reitor amosou a súa satisfacción polo éxitos acadados pola institución no ámbito da investigación e da transferencia. “Estou engaiolado e agradecido polo esforzo do PDI”, dixo Reigosa, para quen “cómpre apreciar e mimar o traballo que agroma nos nosos laboratorios e centros de investigación”, ao tempo que incidiu na aposta que sempre fixo a UVigo pola colaboración público-privada. “A clave foi o voso esforzo, o dos que agora están e dos que continuarán”, dixo o reitor, para quen a sociedade galega estará agradecida porque a Universidade a serve.

Un esforzo que contribuíu ao crecemento e consolidación da UVigo

En nome do PAS xubilado, Ángeles Carballo lembrou a ilusión do persoal de administración e servizos cando se incorporou ao seu centro de traballo e asegurou que “co noso esforzo contribuímos ao crecemento e consolidación da institución”. Tras rememorar uns inicios na UVigo sen infraestruturas e só cuns poucos colexios universitarios, Carballo destacou que o esforzo e a determinación do persoal fixo posible “ter unha fermosa e competitiva universidade. Grazas aos equipos reitorais, PDI, compañeiros, servizos e unidades, que nos acompañaron nesta marabillosa experiencia”, dixo.

Pola súa banda, o docente e investigador do Departamento de Historia, arte e xeografía Jesús de Juan tamén se remitiu no seu discurso ás orixes da UVigo para asegurar que “despois de nacer da nada, ninguén podía sospeitar que co esforzo de todos conseguiríamos acadar as metas que se nos esixían”. De Juana, que puxo o acento na importancia de trasladar ao alumnado, ademais da aprendizaxe de coñecementos e o traballo en equipo, o pensamento crítico, asegurou que “demos o mellor de nós pola institución que vimos nacer e na que participamos na consecución duns obxectivos dos que nos sentimos moi orgullosos”, asegurou.

Salir de la versión móvil