Estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos dos tres campus da UVigo sumouse este mércores á chamada da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública a concentrarse ás 11.00 horas nos sete campus das universidades galegas para facer público o rexeitamento xeral da comunidade universitaria á creación dunha universidade privada en Galicia. Cunha pancarta En defensa da universidade pública, contra a privatización, durante as mobilizacións escoitáronse consignas como "non, non, non á privatización", "Feijóo, escoita, a universidade está en loita", "a Xunta de Galicia, recorta e privatiza", "o ensino na rúa, a loita continúa" ou “o público é servizo, o privado beneficio”.
As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conforman a Plataforma Galega - CIG, CCOO, UGT, Erguer, Anega, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes- reafirmaron nesta protesta que “unha Universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e evidentemente para a poboación, xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego”, tal e como se subliña no seu manifesto, un documento no que se insiste na idea de que en Galicia non é necesaria unha universidade privada, neste caso vinculada a Abanca, xa que o Sistema Universitario Galego conta cunha ampla oferta académica, cunha importante especialización nos diferentes campus, que responde perfectamente á demanda existente. “A creación desta universidade privada suporá ademais que as universidades públicas, que xa teñen dificultades polo descenso de alumnado nos últimos anos, vexan incrementado o problema, xa que a maquinaria propagandística non dubidará en mentir sobre os beneficios laborais do alumnado que estude nos seus centros”, recalcaron durante a lectura do manifesto.
Estas concentracións chegan tras aprobarse o pasado martes 25 de maio no Parlamento de Galicia a tramitación desta iniciativa cos votos a favor do Partido Popular, que rexeitou as emendas á totalidade presentadas polo Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista de Galicia, grupos que xa denunciaron que este proxecto incumple a normativa actual ao duplicar liñas de investigación e titulacións xa en marcha nas tres universidades do SUG.