O CSD recoñece a excelencia deportiva e académica de Tania Álvarez

Recoñecer deportistas que obteñen “excelentes valoracións académicas” nos estudos que cursan e “brillantes resultados nas categorías nas que compiten” son, como sinala o Consejo Superior de Deportes (CSD), os obxectivos dos Premios Carreira Dual, cos que este organismo distinguiu á piragüista e investigadora da UVigo Tania Álvarez. Profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Álvarez Yates foi unha das galardoadas cunha mención honorífica na edición de 2024 destes premios, entregados este xoves na sede do CSD, nun acto presidido pola ministra de Educación, Formación Profesional y Deportes, Pilar Alegría.

Dirixidos a pór en valor tanto os méritos deportivos como os académicos, os Premios Carreira Dual 2024 entregáronse nesta xornada no marco da Gala CSD PROAD, dirixida a repasar os quince anos de traxectoria do Programa de Atención ao Deportista de Alto Nivel deste organismo. Con galardóns tanto para categoría escolar como universitaria, os premiados e premiadas foron seleccionados a partir das candidaturas remitidas polas diferentes comunidades autónomas, escollidas á súa vez de entre as propostas realizadas polas federacións deportivas. De aí que, tras recibir a súa resolución, a investigadora do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte recoñecese que se trataba dun galardón “que non esperaba”.

Dirixido a recoñecer os logros deportivos e académicos acadados o pasado ano, o Premio Carreira Dual 2024, na categoría universitaria, foi para Óscar Salguero, deportista de natación adaptada da Universitat de Barcelona, mentres que as mencións honoríficas foron outorgadas tanto a Álvarez como ao patinador artístico Héctor Díez e a levantadora de pesas Marta García, das universidades de Cantabria e Salamanca, respectivamente.

2024, un ano especial, seguido doutro ano especial

Formada na facultade na que actualmente imparte docencia, Álvarez Yates defendía en 2024 a súa tese con mención internacional no doutoramento en Educación Física, Saúde e Deporte. Dirixida por Óscar García, a súa investigación centrouse en coñecer se os parámetros neuromusculares permiten predicir o rendemento deportivo de piragüistas de alto nivel. Ao mesmo tempo, esta deportista do CMDC Breogán do Grove lograba en 2024 proclamarse subcampioa de Europa de maratón, modalidade na que as e os piragüistas percorren unha distancia de 26,2 quilómetros. A esta sumábanse dous novos títulos de campioa de España de maratón e outras tres medallas en campionatos estatais doutras distancias, nun ano que foi tamén unha das beneficiarias na convocatoria de axudas da UVigo para apoiar a deportistas universitarios na preparación de competicións internacionais.

De aí que Álvarez Yates lembre 2024 como “un ano especial, coa lectura da tese e a miña primeira medalla internacional na modalidade de K1, unha semana despois”, como o fora previamente 2022, cando logrou xunto á egresada da Facultade de Fisioterapia Tania Fernández alzarse coa medalla de ouro no Campionato do Mundo de Maratón, na proba de K2. O ano pasado, lembra, “fallamos no mundial en K2, ao perder o sprint final polo bronce”, rematando no cuarto lugar, mais o pasado mes de setembro Álvarez e Fernández non só retornaban ao podio do Campionato do Mundo, senón que lograban en Hungría a súa segunda medalla de ouro en K2. “Sen dúbida, 2025 súmase a esa lista de anos especiais, xa que o noso obxectivo era volver o podio, pero pensabamos que o ouro estaba o outro nivel”, salienta esta deportista e investigadora.

Salir de la versión móvil