Tui ten en marcha unha programación baixo o lema “Somos e seremos Inmarcescibles” para conmemorar en Tui o Día Internacional da Muller. Este mediodía tivo lugar a presentación por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, xunto á concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, e a traballadora social, Carmen González.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que é a primeira vez na historia deste concello que se realiza “un programa tan extenso e responsable en torno ao 8 de marzo”. Ao tempo fixo referencia ao “compromiso inequívoco” do goberno municipal coa creación da Concellería de Igualdade e co traballo que se ven desenvolvemento dende este departamento.
A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, explicou os obxectivos da programación organizada é “por o foco nas mulleres, na súa formación, no seu autocoñecemento… pero tamén está dirixido á participación cidadá con acto reivindicativos e colaborativos cos centros educativos”. E con respecto ao lema da campaña “Somos e seremos Inmarcescibles” facía fincapé no gran significado e poder da palabra “inmarcescibles”, coa que se quere reclamar a visibilidade das mulleres en todos os ámbitos nos que temos presenza porque é precisamente a nosa forza a que cada 8 de marzo nos saca á rúa para reivindicar unha igualdade real e efectiva, e é a intensidade coa que traballamos o resto do ano para conseguir acabar con calquera signo de discriminación cara á muller”. O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, manifestou que estas actividades serven para visibilizar a muller e educar en igualdade para lograr sociedades máis xustas e iguais.
Mañá venres, 6 de marzo, ás 12h na praza do Concello terá lugar o acto institucional no que intervirán o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e no que a tudense Andrea González, unha das Top 100 Mulleres Líderes en España, dará lectura a un manifesto, e lectura duns poemas por parte Emilia Rosende. Amais terá lugar a presentación das “Mulleres Senlleiras de Tui 2020”, un proxecto para dar visibilidade a mulleres anónimas que se realiza en colaboración cos centros educativos tudenses. Precisamente estas mulleres serán logo retratadas pola artista Gemma Marqués, e as obras conformarán unha exposición que se abrirá o 27 deste mes.
Este sábado, 7 de marzo, a proposta é dobre. Ás 20 h na Sala Félix Rodríguez, na Área Panorámica, Baia Fernández de la Torre, artista, poeta e terapeuta da risa, ofrecerá o monólogo “En que pensan as mulleres”. E ás 22 h celebrarase unha Cea Homenaxe ás Mulleres no Parador de Turismo, organizada por mulleres de Tui na que colabora o Concello de Tui.
O domingo, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ás 12 h celebrarase unha concentración na Praza da Inmaculada. A continuación o Club de Lectura do IES San Paio levará a cabo unha lectura de poemas, e continuación Xoana presentando o seu traballo musical “Dardos”.
Ás actividades continuarán a próxima semana, o luns ás 19 h co obradoiro “Mulleres fronte ao espello” impartido pola coach Hérika Míguez e o martes ás 10 h cun almorzo informativo sobre o Pacto de Estado no que intervirá Laura Seara, avogada e exsecretaria de Estado de Igualdade. Trátase dun evento dirixido a empresas, profesionais, centros educativos, administracións, e público en xeral. Ambas citas serán na Sala Xacobeo da Área Panorámica. Xa o venres, 13 de marzo, ás 19 h no Espazo Xove na rúa Sanz terá lugar o taller ioga e meditación “Equilibrio mente e corpo” a cargo de Vanesa Rodríguez Martínez. Nestas tres actividades é recomendable inscrición previa en igualdade@tui.gal ou no 986 60 36 25 ext 54.
As mullleres creadoras serán as protagonistas o sábado, 21 de marzo, ao longo da mañá na actividade “Ao vivo. Elas crean”, que se desenvolverá na Praza de Abastos, co obxectivo de darlle visibilidade as súas obras.
Amais a concellería de Igualdade promove o I Encontro Lider-A “Mulleres inspiradoras” a celebrar o mércores, 25 de marzo, de 9.30 h a 14 h na Aula da Uned no antigo convento de San Domingos. A derradeira actividade de “Somos e seremos Inmarcescibles” está prevista para o sábado, 28 de marzo, de 10 a 14 h na Aula da UNED cunha xornada de xénero centrada na igualdade e corresponsabilidade familiar dirixida a pais, nais, menores e adolescentes a cargo dun equipo de profesionais dirixido pola psicóloga Randall Hernández.
A programación comezou este luns coa apertura da mostra “Rompe. Xoga en Igualdade” na Sala Municipal da Área Panorámica, e o martes celebrouse a presentación do club lectura feminista “Tempo de Mulleres” que será dinamizado pola escritora María Xosé Queizán.
Amais técnicas de Servizos Sociais están a impartir nos centros educativos obradoiros de coeducación, e na biblioteca municipal expóñense distintos libros coa muller coma protagonista. A imaxe da campaña está presente nas lonas colocadas nas fachadas da casa do concello e da Área Panorámica. E se iluminará en morado a fachada da casa do concello e a fonte situada na praza da Inmaculada.