A campaña “somos de monte” busca familias para reforestar Matamá este sábado

Publicidad

O Parque Forestal de Maruxento, da Comunidade de Montes de Matamá, acollerá este sábado, 28 de abril, unha xornada festiva e de sensibilización ambiental centrada na reforestación forestal dos terreos queimados o pasado mes de outubro.

Dentro da iniciativa “Somos de Monte”, impulsada pola pastelería e panadería viguesa Sémola, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo, realizarase un percorrido a través das zonas queimadas para chegar á Fraga de Alvorezas, onde se levará a cabo unha plantación de arbustos e diferentes actividades pensadas para os máis cativos. [Consulta o mapa aquí]

A xornada arrancará ás 16:30 horas e para anotarse é preciso cubrir este formulario online, acudir a algunha das tendas Sémola da cidade ou chamar ao teléfono 608 046 047.

En total, investiranse 1.400€ recadados na campaña de Nadal que, entre outras accións, busca poñer en valor a importancia de “sentirse de monte” e defender e protexer os nosos espazos naturais e a súa biodiversidade.

Os montes de Matamá foron uns dos máis afectados no domingo negro, no que o lume se estendeu por boa parte dos espazos verdes da provincia chegando ao centro de Vigo. Agora, os 270 comuneiros que forman a comunidade traballan por recuperar o espazo natural cambiando “o actual modelo forestal cara un sostible, autóctono e no que prime a biodiversidade”, en palabras do seu presidente, Indalecio Bastos.


Pode interesarche: Así é o anel verde de 50 km que protexerá Vigo dos lumes (e que se poderá percorrer)


Na presentación da iniciativa estiveron presentes Abel Caballero, alcalde de Vigo, Estefanía Francos, de Sémola, Uxío González, presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo e Indalecio Bastos, presidente da Comunidade de Montes de Matamá.

Salir de la versión móvil