Descubre a pegada das Irmandades da Fala en Vigo con esta visita de balde

Publicidad

Nova ruta guiada e de balde polo centro de Vigo. Desta vez, o departamento de Normalización Lingüística do concello organizará unha visita que nos levará pola arte e a literatura de preguerra este próximo sábado, 12 de maio.

Da man do estoupido cultural das Irmandades da Fala, os participantes arrancarán na praza fronte á oliveira de Afonso XII un percorrido que os levará durante unha hora e 45 minutos polos persoeiros, institucións e edificios históricos que dalgunha forma ou outra marcaron o devir cultural da cidade olívica.

A visita, que partirá ás 11:00 horas, parará na casa do poeta Manuel Antonio, autor do “De catro a catro”  e máximo representante do vangardismo de preguerra. A continuación será a quenda da Pinacoteca de Vigo onde se atopan algunhas das obras pictóricas máis importantes da época.

A Fundación Penzol e a de Fernández del Riego, dous dos arquivos públicos de doazón privada máis importantes de Galicia, permiten que Vigo conte con valiosos documentos da nosa cultura. Esta será a terceira parada na praza da Princesa.

Os participantes continuarán pola Praza do Pobo Galego para falar dun dos xornais máis influintes da época, xunto co progresista La Oliva, e continuarán cara Eduardo Iglesias e Policarpo Sanz onde se dará conta da historia do cine-teatro Tamberlick e das figuras de Paz Andrade e Antón Beiras.

Os asistentes tamén pasarán pola casa de Fernández del Riego na Alameda e recordarán ao arquitecto Manuel Gómez e ao poeta Manuel Antonio e a súa presenza no Navy Bar.

Para participar é preciso anotarse previamente dende hoxe luns, 7 de maio, a través do teléfono 986 81 02 81 en horario de 9:00 a 14:30 horas. A visita estará guiada por Xurxo Martínez.

Salir de la versión móvil