Moaña descóbrese tamén ao solpor: o exitoso Descubre Moaña suma roteiros no serán

Publicidad

A maxia do luscofusco na costa morracense poderase desfrutar este verán nos roteiros guiados impulsados polo Concello de Moaña. O programa de visitas guiadas “Descubre Moaña” cítanos agora ao solpor, tal e como xa avanzara este diario. A iniciativa xorde despois de que os roteiros de verán diúrnos esgotaran prazas en 48 horas.

En total, o Concello vén de programar catro roteiros. Os itinerarios foron elixidos entre os máis populares e adaptables para o serán. “Tras cubrir en dous días a programación completa do verán decidimos impulsar esta nova actividade entre os de maior éxito”, explica a concelleira de Turismo, Coral Ríos.

En xullo, os asistentes poderán descubrir á tardiña a ruta literaria do bestseller “O último barco” de Domingo Villar. Convertido na estrela desta edición de verán, poderanse descubrir algúns dos escenarios da novela en Moaña o xoves 23 de xullo. Os asistentes deberán ter lido o libro, pois o roteiro inclúe spoilers.

Pola súa parte, as “canteiras do litoral de Moaña” terán a súa cita co atardecer o xoves 30 de xullo. Ao longo do percorrido os asistentes descubrirán a historia que agochan as antigas canteiras que foron a orixe do crecemento económico e social da vila.

Xa en agosto, o xoves 6 será a quenda para afondar na “Moaña mariñeira”, un percorrido polo litoral entre o Porto de Moaña e o Porto de Meira no que os asistentes coñecerán detalles dos inicios da pesca tradicional, a historia do Pósito de Moaña ou algúns dos naufraxios máis importantes que afectaron ás familias da vila.

O “Descubre Moaña ao solpor” finalizará o 20 de agosto novamente co roteiro de “O último barco”. Todos os percorridos comezarán ás 20:30 horas e para inscribirse é necesario enviar unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono 611 080 583.

Os itinerarios, realizados en colaboración coa asociación A Illa dos Ratos están adaptados á nova normativa derivada da pandemia do Covid-19 e non será necesario lanterna. “É unha actividade segura, con distancias e máscaras e un aforo limitado de 25 persoas”, explica Ríos. Todos son de balde.

Salir de la versión móvil