O tempo por fin permite gozar da Ruta Máxica de Oia. A andaina foi programada para dar comezo as Andainas organizadas polo Concello da Guarda e Caminha, pero debido ás malas previsións metereolóxicas do mes de marzo foi aprazada.
Finalmente, a actividade terá lugar este sábado 26 de maio. A ruta estará guiada pola Asociación Costa dos Castros. A Ruta Máxica de Oia percorre uns 18 quilómetros da Serra da Groba pasando polas parroquias costeiras deste concello.
A andaina comezará no miradoiro da Pedreira onde se atopan petróglifos e continuará coñecendo outros gravados rupestres ata chegar ao río Broi e ao espazo natural das Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental. Despois ascenderase ata o Castro do Cano do Mouros e as Pozas de Mougas onde se realizará o xantar. Nesta última parte do percorrido descenderase ata o Castro de Cabeziña. A ruta rematará na estrada PO-552 onde se atopa o Camping O Muiño.
Os interesados en participar na Ruta Máxica de Oia deben confirmar a súa asistencia na Oficina de Turismo do Concello da Guarda ou a través do teléfono 986 61 45 46 ou do mail turismo@aguarda.es.