A choiva obriga a trasladar o concerto 'XX aniversario' de Dakidarría en Nigrán

Publicidad

Ante a previsión de choiva para este venres 18 de agosto, o Concello de Nigrán vén de anunciar o traslado do concerto XX aniversario da banda miñorana Dakidarría ao domingo 20 de agosto tamén no espazo deportivo Dunas de Gaifar.

A cita, única na comarca, será finalmente o domingo no espazo deportivo de Gaifar (Panxón) e no marco, precisamente, da xira conmemorativa que Dakidarría está a realizar por todo o Estado e que tamén vivirá un momento especial no Festival Revenidas, en setembro. O evento, de entrada libre, arrancará ás 21:00 horas co grupo de Baiona Xente Tóxica e a continuación Pauliña (22:00 horas) para dar paso ás 23:30 ao gran concerto de Dakidarría no que repasarán toda a súa traxectoria. Como é habitual no Concello, estarán dispoñibles as mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.

"Tiñamos unha débeda con Dakidarría e, como Concello, estamos moi orgullosos de poder 'saldala' con este gran concerto na casa que, precisamente, repasa os seus 20 anos de traxectoria", refire o alcalde, Juan González. Pola súa parte, 'Gabri' Reigosa, único membro fundador que se mantén, promete un concerto espectacular "cheo de emocións, con artistas invitados e moitas sorpresas". "É a primeira vez que o Concello de Nigrán, onde nacemos como banda, nos contrata, e o asumimos como un recoñecemento público ao noso traballo e con moito orgullo, é moi especial para min tocar na casa", admite o líder dun equipo composto por 16 profesionais (9 músicos e 7 técnicos) a maioría da comarca do Val Miñor. Esta xira conmemorativa está chea de actividades para o grupo miñorán, que hai tan só un ano publicaba o seu disco 'Colaxe' e que agarda permanecer na escea “polo menos 20 anos máis”.

O concerto en Nigrán será gravado e pasará a formar parte dun documental que tentará plasmar a realidade actual da banda e o longo camiño percorrido ata o día de hoxe. Ademais, a marca nigranesa de Cervexas Banda-Triskale dos irmáns Toledano, vellos amigos do grupo, disporá no recinto de Gaifar dunha barra onde brillarán especialmente as súas marcas 'Dakidarría' (creada no 2018, a primeira cervexa 'temática' que realizaron) e 'Nigrán, equilibrio natural' (xurdida no ano 2020 a petición do Concello).

Salir de la versión móvil