O Intercéltico do Morrazo deu o pistoletazo de saída coa potencia musical de Project Smok. O grupo escocés encheu de virtuosismo a contorna do palco da música nunha noite tipicamente de verán que vibrou coa guitarra, a frauta celta (wisthle) e o bodhran do trío formado por Ali Levack, Pablo Lafuente e Craig Baxter.
Os escoceses eran a cabeza de cartel da primeira xornada do festival de Moaña. Porén, a noite comezou antes co desfile das seis agrupacións folclóricas do municipio, que foron pasando unha a unha sobre o gran escenario instalado fronte ao mercado municipal. Os colectivos Breogán, Charaviscas, Gaiteiros de Moaña, Meiramar Axóuxeres, Moañesa de Música e Danza e Solaina foron os teloneiros de honra para o virtuosismo e improvisación de Levack, Lafuente e Baxter.
Se o Intercéltico contou cunha apertura cargada de enerxía, hoxe prevese que o recinto marque o cheo absoluto da man de Budiño e os bretóns de Plantec. O de Moaña xogará na casa para escaravellar na memoria dos asistentes para volver ao seu primeiro disco, Paralaia, un clásico na música folclórica galega.
A xornada de hoxe arrancará ás 22:00 horas no palco principal para unha longa noite de folk e música celta que continuarña cos “Desenfreados, salvaxes e poderosos” de Plantec.
O sábado, o festival morrancese rematará nunha noite especial. Xabier Díaz a as Adufeiras do Salitre repetirán o que foi "un dos concertos máis bonitos da súa vida". Se fai un ano tiveron que facer “unpluged de 35 minutos improvisado”, despois de que a chuvia inutilizara os equipos, este sábado esperan poder repetir a experiencia, agora si con todo funcionando. Xunto a eles, pecharán esta edición Capercaillie. A histórica banda, que comezou a súa actividade nos anos 80 e medrou liderando a vangarda do rexurdimento da música escocesa, fixo historia colocando, por vez primeira na historia, unha canción en gaélico escocés na lista dos 40 mellores singles do Reino Unido.