A exposición “As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia”, que repasa o papel de xornalistas e escritoras galegas na loita pola igualdade e a modernización social, foi inaugurada este martes no C. P.I. Cova Terreña.
A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, foi a encargada de inaugurar a mostra, xunto co alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, e a Directora do centro escolar, Isabel Martínez Cabaleiro.
A exposición achega ao público de maneira visual e didáctica a traxectoria de comunicadoras comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia.
“Esta exposición é un recoñecemento merecido ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre homes e mulleres, unha loita para a que se serviron do máis indestrutible instrumento de poder: a palabra, na súa escritura, a súa voz e na súa capacidade de comunicar”, destacou a secretaria xeral.
Pola súa banda a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, apuntou ademais que agora se pon o foco en “mulleres que durante moito tempo estiveron silenciadas e invisibilizadas” e remarcou o simbolismo de facelo en lugares como os centros escolares “espazos abertos ao público e lugares de encontro entre mozos, onde a loita pola igualdade das homenaxeadas viaxa de fogar en fogar”.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou que “apostar por estas mostras é necesario para a visualización do traballo destas mulleres que achegaron tanto a nosa sociedade e cuxas historias merecen ser visibilizadas”. A exposición estará exposta no colexio ata o vindeiro 20 de maio.
Entre as persoas asistentes ao acto de homenaxe había membros da Corporación do Concello de Baiona e representantes de distintas asociacións baionesas. Tamén estaba o alumnado da materia de Investigación e Tratamento da Información xunto co seu profesor, Antonio Rey Somoza, que tamén escoitaron a intervención da responsable de prensa do Concello, Marta González, que foi invitada ó acto para dar a coñecer o seu traballo diario como muller xornalista ao fronte do gabinete de prensa do Concello de Baiona.