O mal tempo volve a aparecer no camiño da Feira de Abelendo. A festa de época, prevista para o 20 de outubro, tivo que adiarse cara este 24 de novembro por mor da chuvia. A meteoroloxía volve a ser adversa este domingo, polo que o Concello de Moaña converterá esta conmemoración a un dos grandes eventos da historia da vila morracense nun festival no que se poderá gozar dunha parte da programación prevista para este domingo.
A celebración do 180 aniversario da Feira de Abelendo terá lugar no Centro Cultural Daniel Castelao, en Quintela. A primeira actividade será ás 17:00 horas, momento no que se inaugurará a exposición fotográfica da historia deste evento que contará con explicación guiada a cargo do investigador local Manuel Uxío García Barreiro.
Pero neste festival dedicado á tradicional Feira de Abelendo non haberá soamente lembranzas, senón que tampouco faltará diversión. O público familiar poderá gozar ás 17:00 horas da proposta “A música das Árbores”, que correrá a cargo de Anxo Moure e Servando Barreiro. A troula continuará ás 18:30 horas co concerto de música tradicional de O Fiadeiro e unha hora despois, ás 19:30 horas, co recital do grupo folk de Os Carunchos.