Concello e adegueiros do Rosal traballan xa man a man para reinventar a Feira do Viño do Rosal e ofrecer un evento alternativo non presencial co que celebrar a XXVIIII edición os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo.
A situación pola que está a atravesar a sociedade a nivel mundial pola pandemia do COVID19 fai que moitos eventos con alta afluencia de xente previstos para o mes de xullo non poidan celebrarse, polo menos non do mesmo xeito do que se viñan facendo ata o de agora. “Readaptámonos á realidade que estamos a vivir e apostamos por facer un evento singular, diferente e histórico que marque un punto de inflexión na propia feira, lonxe de pensar en cancelar esta festa tan sinalada”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
O obxectivo da feira será continuar coa promoción do sector vinícola a través dunha experiencia innovadora, orixinal e moi participativa a través de medios non presenciais, pero mantendo a tradición e o espírito da feira. Deste xeito, Concello e adegueiros están traballando para pechar diferentes iniciativas para que as miles de persoas que adoitan acudir cada ano a esta feira poidan seguir desfrutando dela a través de canles dixitais e de ferramentas como o vídeo ou o streaming.
A organización fará un grande esforzo para implicar a toda a poboación, que xoga un papel moi importante cada ano na feira, polo que se ofrecerán alternativas para animar a participar ao maior número de xente posible. Ademais, todas as actividades buscarán tamén intensificar a labor de promoción tanto dos produtos de Denominación de Orixe Rías Baixas como das adegas que están detrás e da súa historia.