A feira medieval Moaña Antiqua regresa tras San Xoán mesturando troula, gastronomía e cultura

DIEGO SEIXO

Publicidad

O San Xoán será marco perfecto este 2022 para desfrutar da gran festa de época de Moaña que este ano retoma toda a súa programación e volverá a apostar non so por gastronomía e mercado, senón tamén por espectáculos de gran formato, música e moita troula. Tamén contará con actividades culturais e de divulgación histórica. Moaña Antiqua, a festa que busca render homenaxe ó berce da Moaña actual, regresará entre o 24 e o 26 de xuño.

A sétima edición da feira medieval moañesa, que se celebra na contorna do barrio de San Martiño,  aproveitará o marco da xornada do venres 24 de xuño, festivo en Galicia, para abrir a súa programación a partir das 17:00 horas, cando xa estará en marcha a feira.  A xornada contará con diversas actividades sobre o pasado de Moaña para, ás 20:45 horas dar inicio oficial co pregón a cargo da actriz Anabel Budiño.

A cita grande da xornada correrá a cargo, como de costume, de Troula, que dende as 22:30 horas levará ás antigas rúas de San Martiño o seu espectáculo “Errantes”, un espectacular pasarrúas no que o lume e os trolls, orcos e demais seres do inframundo farán aos asistentes partícipes da súa tolemia nunha peregrinación no que participa o seu Orloc. Xa na noite a partir das 23:45 horas comezará unha foliada popular no adro de abaixo para animar a madrugada.

O  sábado, o mercado abrirá ás 11:00 horas e a xornada estará máis enfocada ao público familiar con xogos temáticos, exhibicións de cetraría e unha xusta a cabalo. Á noitiña terá lugar o concerto de Os Carunchos e a foliada popular que pechará a xornada. A festa finalizará o domingo nunha xornada que comezará cunha ruta guiada pola contorna da Igrexa de San Martiño. De novo, actividades infantís, oxgos familiares e diferentes exhibicións formarán parte da programación que se pechará coa actuación de Meiramar Axóuxeres.

Moaña Antiqua, ademais de contar cun mercado gastronómico e de artesanía, tamén habilitará unha zona de lecer na carballeira da contorna. Haberá polbeira, tabernas e postos de artesáns traballando en vivo. Todas as actividades infantís e obradoiros serán de balde.

PROGRAMACIÓN

Salir de la versión móvil