Éxito no regreso de Ponteareas ao século XX. A Feira Tradicional dos Remedios volveu á vila despois de dous anos de parón pola situación sanitaria e fíxoo cunha grande afluencia de público, participantes de todas as idades que percorreron as rúas do centro urbano para revivir por unhas horas como era a vida cotiá hai un século.
“É un orgullo ver a gran resposta a esta nova edición de feira, na que podemos ver desfrutando a ponteareás e ponteareáns, pero tamén a moitos veciños e veciñas de fóra da nosa vila”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. Unha grande acollida que se traduce, segundo destacan dende o Goberno local, “nunha importante dinamización social e comercial das rúas de Ponteareas que podemos ver hoxe aquí na Feira Tradicional dos Remedios e que nos acompañará durante todas as Festas de Setembro”.
Por unhas horas, a Praza de Bugallal, o parque da Feira Vella e as rúas da contorna convertéronse nun escenario doutro século cheo de vida, música e actividades para todos os públicos. Ademais do mercado tradicional con numerosos postos de artesanía e alimentación, o público puido gozar das actuacións musicais dos grupos participantes no XXXV Festival Folclórico do Condado, que encheron de música cada recuncho da feira. Animación, recreacións teatralizadas e representación de oficios tradicionais foron outros dos grandes protagonistas das xornadas. A novidade desta edición, un grande espazo gastronómico na Praza Bugallal, desbordou todas as expectativas e estivo ateigado por centos de persoas durante as horas centrais da Feira. Polbo, churrasco, hamburguesas de porco celta, pan, viño, cervexa artesá ou diversos doces foron as delicias que puideron gozar as persoas asistentes.
Grande asistencia de público tamén na mostra de gando de razas autóctonas de vacas, galiñas e porcos, que volveu ao parque da Feira Vella con máis ganas, animación e éxito que nunca. Ao longo da mañá e da tarde foron moitos os participantes na feira que non quixeron perderse os concursos de cabalos de pura raza do país e de cans de palleiro.