O coronavirus mudouno todo. Tamén algo tan noso como as festas gastronómicas. Porén, aínda que non podemos reunirnos e celebrar en comunidade como acostumamos, as celebración continúan sucedéndose buscando alternativas seguras que permitan convivir coa chamada “nova normalidade”. É o caso da Festa do Tinto Rías Baixas das Neves que celebra quince edicións, pero o fará en pequeno formato.
Este ano, a Praza Maior non poderá ser o escenario dunha festa que acolle a centos de persoas para degustar os mellores viños das Rías Baixas acompañados da boa gastronomía local. A celebración celebrarase o vindeiro luns, 12 de outubro, convertida nun “acto de promoción”. Terá lugar na carpa do Hotel Nande entre as 12:00 e as 15:00 horas.
A cita converterase nun espazo de exposición e degustación de viños, nomeadamente tintos, de toda a denominación de orixe, eestará musicado pola Banda de Música Popular de Rubiós e o solista Juan Lois Diéguez. Ás 13:00 horas desenvolverase a parte oficial do día, con intervencións de profesionais vinculados a estes viños dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, e representantes do Concello.
Será de aplicación o 'Protocolo COVID' en todo o recinto, con aforo limitado. Por iso, será necesario realizar a reserva previa de prazas entrando en bit.ly/festatinto.