A gaita rock e o fado, banda sonora da Festa da Langosta da Guarda

Publicidad

Todo listo na Guarda para a 28º edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira que se celebrará esta fin de semana no entorno do porto da vila. A cita enche cada ano a zona de centos de persoas que se achegan para desfrutar dunha ampla variedade de produtos do mar, sobremesas e viños.

Porén, aínda que a festa é gastronómica, tamén se celebrarán diferentes concertos e espectáculos musicais para amenizar as diferentes xornadas. A noite do sábado, 7 de xullo, será a quenda de Mitic, onde a gaita é a protagonista nun innovador espectáculo liderado por Álvaro e Suso Costas.

O show ten como obxectivo experimentar e explorar as novas formas de interpretación da gaita, un instrumento que se asocia coa música tradicional galega pero que en Mitic redescubre novos horizontes para o seu son.

A partir das 23:00 horas, a gaita xunto a batería, baixo, piano, guitarra, violín, saxofón, trombón, trompeta, clarinete e voz uniranse para interpretar temas míticos e atemporais como ‘Still loving you’, de Scorpions; ‘Show must go on’, de Queen; ‘Thunderstruck’, de ACDC; ‘Livin’ on a prayer’, de Bon Jovi; ‘Sweet child of mine’, de Guns n’ Roses; ‘Gabriel’s oboe’, de Ennio Morricone; ‘Hotel Californa’, de Eagleso ou ‘My way’, de Frank Sinatra.

Pola súa parte, Portugal será o protagonista do domingo. A partires das 20:30 horas comezará a “Noite do Fados” coa actuación de Celina da Piedade. A acordeonista, cantora e compositora portugesa achegará á Guarda a súa contemporánea versión do fado no que se mestura unha ollada moderna cos antigos cantares da rexión do Alentejo.

Celina da Piedade recibiu o aplauso da crítica co seu primeiro disco en solitario, “Em Casa” (2012), e dende entón somou dous novos traballos, “El Cante das Ervas” (2014) e “Sol” (2016). Dende os cinco anos a nova expoñente da música portuguesa busca, nas súas verbas, levarnos nunha “viaxe polas memorias da música de raíz portuguesa e un sentir máis moderno e universalista”.

No eido musical, tamén actuarán grupos tradicionais coma A Boalleira, o grupo pop-rock Acevedos Delgados ou o punk infantil de Peter Punk  e Brais das Hortas.

A Langosta, a gran protagonista

Durante toda a fin de semana, o porto guardés renderase a un dos crustáceos máis desexados do mar. A ración costará 25 euros, pero tamén haberá tapas como percebes, calamares, langostinos, mexillóns, navallas ou polbo. Os amantes do doce poderán degustar a tradicional Rosca de Xema, con racións dende 1,5€.

Salir de la versión móvil