A Guarda Diversa: unha fin de semana para a visibilización do colectivo LGTBIQ+

Publicidad

O Concello da Guarda, a través do Centro de Información á Muller e da Concellería de Igualdade coa colaboración de Sara Uris- responsable do proxecto Transformando Realidades-, continúa un ano máis co proxecto “A Guarda Diversa”, de cara a visibilizar ao colectivo LGTBIQ+ mediante varias accións que terán lugar esta fin de semana do 9 ao 11 de xullo. A programación deu comezo o pasado día 28 de xuño coa gravación dun Manifesto que se pode ver na canle de Youtube do Concello da Guarda, así coma a colocación da bandeira representativa deste colectivo na fachada da Casa consistorial.

A parte central do proxecto terá lugar esta fin de semana, arrancando o venres 9 de xullo ás 19:00h con dúas accións en paralelo. Por unha banda a Praza do Reló acollerá unha mesa redonda baixo o título "Ver e non só mirar. A visibilidade LBT", un faladoiro onde trataráse a importancia de tomar conciencia dos temas actuais que afectan ás mulleres Lesbianas, Bixesuais e Trans, o seu papel na historia do colectivo e cales son os obxectivos de cara o futuro, e que estará impartida por María Torre (Ars Eróticas) e Elisabeth Pérez (Asociación Nós Mesmas), baixo a moderación de Sara Uris. Será retransmitida en directo a través da conta de Youtube do Concello da Guarda. Tamén ás 19:00h a Casa dos Alonso acolle “Piratrans Carabarco”, un obradoiro Infantil dirixido a crianzas de 4 a 8 anos e impartido por Roberta Mattia, da Asociación Nós Mesmas, onde, a través da historia de Piratrans Carabarco, transmítese ás crianzas o valor da diversidade e a igualdade. Despois do conto, farase unha actividade plástica cos nenos e nenas asistentes.

Na xornada do sábado día 10 de xullo ás 12:00h a Praza do Reló será o escenario para a mesa redonda "Familias TransOrgullosas", que estará impartida por Soledad Fernández, Pilar Fonte e Alejandra Alvedro, baixo a moderación de Sara Uris e onde falarase sobre familias TransOrgullosas, abordando temáticas como as expectativas da crianza, a diversidade familiar e a transexualidade na infancia. Será retransmitida en directo a través da conta de Youtube do Concello.

Xa para pechar esta segunda edición de A Guarda Diversa, na xornada do domingo día 11 de xullo, a Praza de Avelino Vicente acolle ás 12:30h o espectáculo de Poesía Eléctrica da man do poeta Samuel Merino “Pompa e Boato” co acompañamento musical de Fernán Permuy (guitarra), un recital a partires dunha escolma de poemas en galego e castelán, que son un percorrido por un tempo de espazos baleiros que se enchen de palabras e harmonías. As inscricións para estas actividades poderán realizarse no Centro de Información á Muller da Guarda, de xeito presencial na Praza do Reló 1 (ao lado do Xulgado de Paz), no teléfono 986 614 648 ou no correo electrónico: muller@aguarda.es

Salir de la versión móvil