Tras unha primeira xornada masiva, Porrigalia enfróntase este sábado ao segundo día de olimpíadas, festa e música no concello do Porriño. Se onte os Mojinos Escozíos fixeron bandeira do seu particular estilo, esta noite será a quenda de Ses.
A artista galega traerá ao Porriño o seu rock, blues, folk e incluso habaneras presentes no seu último disco, “Readmirando a condición”, que presentou no mes de marzo nun Auditorio Mar de Vigo e que explotou en diversión e reivindicación.
Como aseguraba Silvia Camesella na crónica da presentación do seu novo álbum, “se por algo se caracteriza María Xosé Silvar, SES, é por non ter medo a expresar as súas conviccións”. Esta noite O Porriño vivirá unha festa sen medo, de loita e, sobre todo, moita enerxía coa imparable cantora galega, que chega da man do programa da Deputación de Pontevedra, Musigal. A cita terá lugar ás 22:30 horas na rúa Domingo Bueno.
A vila da louriña vivirá este sábado doce horas de festa. Ao longo da xornada dúas novidades. As batucadas, que percorrerán as rúas ás 14:00 e 18:00 e as exhibicións de cetrería, que terán lugar no parque infantil.
Consulta toda a programación de Porrigalia aquí