Mos celebrará as súas festas grandes cun concerto ao aire libre de Sés como cita principal da súa programación que se celebrará no Centro Dotacional da Comunidade de Montes de Torroso. Así o anunciaron este xoves a rexedora local, Nidia Arévalo, e representantes da Comunidade de Montes, do Centro Cultural e da Comisión de festas de San Mamede.
Os actos das festas patronais comezarán o venres 6 de agosto a partir das 20:00 horas nos exteriores do Centro Dotacional de Torroso, co concerto “Amantes da Terra” de Andrea Pousa. Os teloneiros encargados de darlle paso serán os integrantes locais do grupo de gaitas Ruada de Torroso.
O sábado 7 de agosto, chegará o festivo local e con el a celebración do día grande. A xornada comezará coa actuación da Banda de Musica Xuvenil de Torroso no mediodía e continuará ás 20:00 horas coa Banda de Musica de Ribadumia.
O concerto central das festas terá lugar o mesmo sábado 7 ás 21:00 horas con Sés. A música e cantareira galega regressa este 2021 aos escenarios galegos co seu último disco, Liberar as arterias.