Trinta e tres compañías pasarán pola Sala Ártika, situada na rúa Beiramar en Vigo, e que traerán á cidade 75 representacións. “Nestes tempos especialmente difíciles para a cultura, con restricións extremas, peches e demais, estamos moi orgullosas da labor que estamos a facer” asegura Fernanda Barrio.
A programación, que comezou a pasada fin de semana coa estrea do espectáculo de danza “Festina Lente” do colectivo Vacaburra en coprodución co Centro Coreográfico Galego achegará catro novas estreas: “Repóker de ases” de Cámara Negra, “Cariño” de Vaiembora Teatro, “Fogo fatuo” dos portugueses Tremor e “A illa da deslembranza” da compañía da propia Sala Ártika.
Á sala consolídase coma un espazo cultural de referencia na cidade olívica ao conseguir darlle continuidade aos festivais e ciclos que se veñen programando nestes sete anos de traballo: “II Festival Comediártiko”, que comeza este venres día dez e durará ata o primeiro fin de semana de outubro, mes no que se acollerá por sétimo ano consecutivo á extensión en Vigo do Festival Internacional de Títeres Galicreques, que este ano organiza a súa vixésimo quinta edición. Xa no mes de cecembro, continuamos co VII Festival Pequeártiko de Nadal, que conta cada vez cunha mellor acollida, tanto entre as compañías que presentan os seus espectáculos para participar nel, como entre o público asistente, o que se da cita nas datas de nadal para desfrutar en familia da programación. Este ano, como novidade, o público asistente poderá escoller un dos espectáculos que forman parte do cartaz definitivo e entregar un premio ao espectáculo mellor valorado.
O director do Agadic, Jacobo Sutil, valorou moi positivamente o esforzo que este espazo leva realizando durante todos estes anos e a súa aposta pola cultura.