Con motivo da celebración do Orgullo LGTBI, a concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade vén de organizar diferentes actividades para concienciar á veciñanza. Así, a obra de teatro “Elisa e Marcela”, de A Panadaría, chegará esta mesma noite ao auditorio municipal.
Baixo a dirección de Gena Bahamonde, as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman dan vida a Elisa e Marcela, o primeiro matrimonio homosexual en Galicia. Casaron o 8 de xuño de 1901 e para logralo Elisa tivo que se transformar en Mario. A súa é unha historia de transgresión, de desafío ás regras do binomio de xénero e de defensa dos seus dereitos.
“Elisa e Marcela” é o terceiro espectáculo de A Panadaría, unha compañía creada en 2013 por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. O seu primeiro espectáculo foi “Pan! Pan!” ao que seguiu “Panamericana”, e a comezos do pasado mes de outubro estrearon esta nova obra, dentro da súa aposta por un teatro de creación propia.
A obra representarase este venres, 29 de xuño, a partir das 21:00 horas. A entrada ten un prezo de 4€ e débese adquirir no despacho de billetes do propio auditorio.
Por outra parte, o Concello repatirá entre a cidadanía coa colaboración dos comercios e hostalería de Ponteareas postais informativas que visualizan a discriminación que sofren as persoas que non se ciñen aos estereotipos que ocultan a diversidade.
Termos como heteronorma que define a visibilidade única da heterosexualidade, diversidade, orgullo ou o propio acrónimo LGBT son definidos nestas postais que pretenden e perseguen a igualdade e normalización de todas as opcións personais.