O Auditorio Mar de Vigo continúa apostando forte pola música clásica na súa programación e ofrecerá por segundo ano consecutivo oito concertos da nova temporada da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG). Estes concertos comezarán o vindeiro mes de outubro e prolongaranse durante varios meses ata maio de 2019. O concerto que abrirá o ciclo terá lugar o vindeiro 11 de outubro e OSG estará dirixida por Christian Vásquez, interpretando obras de Chaikovski, Ramsy- Korsakov, Arturo Márquez, Juan Pablo Moncayo e Zequinha Abreu. O 8 de novembro será o segundo dos concertos da OSG, que nesta ocasión estará dirixida por Andrey Boreyko e terá como convidada solista á violinista Leticia Moreno para interpretar un repertorio composto de obras de Mahler, Szymanowski e Zelimski. O 13 de decembro celebrarase o terceiro concerto do ciclo, consagrado por completo á Sinfonía n.5 op.47 en re menor de Dimitri Shostakovich, onde a Orquesta estará dirixida por Andrew Litton.
O primeiro dos concertos de 2019 terá lugar o 31 de xaneiro, e neste caso a OSG estará dirixida polo director esloveno Dima Slobodeniouk, que xa o pasado ano dirixiu con gran éxito a OSG nun dos concertos ofrecidos no Mar de Vigo. Baixo a batuta de Slobodeniouk estará convidado como guitarra solista Pablo Villegas, para executar un repertorio con pezas de Anatoli Lyadov, Serguéi Rachmánimov e Joaquín Rodrigo. O 9 de marzo chega o turno do tenor José Manuel Zapata, que estará ó fronte da formación como director e como solista. Nese mes haberá dúas actuacións, xa que o 21 de marzo, a Orquesta Sinfónica de Galicia estará de novo en Vigo, dirixida nesta ocasión por Clemens Shuldt, e como solista o violinista Sergey Khatchatryan, interpretando obras de Brett Dean, Shostakovich ou Jean Sibelius. A penúltima das actuacións do ciclo será o 25 de abril e a Orquesta estará neste ocasión baixo a batuta de Daniel Bjiarnason, con Leila Josefowicz como solista no violín, para interpretar obras de Colin Matthews, Sibelius e Marcos Ferández- Barrero.
É do teu interese: Consulta o avance da programación otoño-inverno do Mar de Vigo
Por último, este intenso ciclo pecharase o 30 de maio, cunha última actuación dirixida por Carlo Rizzi, na que se interpretarán pezas de Ildebrando Pizzetti, Claude Debussy e Richard Strauss.
Os concertos celebraranse no Auditorio Mar de Vigo sempre ás 20:30 horas da tarde e as entradas están xa á venda na plataforma de Ataquilla. Todas as actuacións terán os mesmos prezos, 16 euros para as zonas dianteiras A e B, 14 euros para a zona C e 12 euros para a zona D, ós que lle hai que sumar os gastos de xestión. Hai tamén un abono para os oitos concertos que ten un prezo de 102,40 euros para as zonas A e B, 89,60 euros para a zona C e 76,80 euros para a zona D.