A “nova normalidade” impídenos gozar dos grandes eventos culturais do verán. Nas últimas semanas, os aprazamentos foron un goteo constante. O Morrasound tampouco puido escapar ao impacto da crise do coronavirus. A súa organización, a Asociación Cultural A Fontenla, anunciou este mércores que a quinta edición do evento trasladase finalmente a unhas novas datas no 2021. “Estamos tristes. Non podemos celebrar o festival nin nas datas previstas -19 e 20 de xuño- nin nas que estudabamos para o final do verán”, sinalan dende o colectivo.
O impacto da emerxencia sanitaria fixo inviable a organización do evento. Dende a organización do Morrasound sinalan que a situación de incerteza actual e as medidas que deberían aplicar para garantir a seguridade sanitaria dos asistentes obrigan a aprazar este festival que mestura música e artes escénicas cunha programación destinada tamén para os máis cativos. Os organizadores destacan que “non é que non poidamos, é que non sabemos que é o que podemos ou non podemos. Destacan que esta situación nun contexto con tantas dúbidas e cambios constantes coa normativa fan inviable organizar a quinta edición do festival.
A quinta entrega do Morrasound non ten aínda datas pechadas. O festival sinala que comeza “xa a descontar as horas ata as novas datas do 2021” e apunta que traballan para manter “en todo o que sexa posible o tremendo cartaz orixinal” que estaba previsto que a paz, o amor e o rock and roll tomasen o Mirador da Fontenla, en Domaio. A cita invita a apoiar ós artistas, ós músicos, ás salas, ós teatros, ós bares, ás librarías ou a todo o comercio de proximidade. É unha chamada á unión para superar xuntos esta crise.
Espera un verán duro. Sen grandes eventos culturais. Nin Morrasound, nin concertos de Castrelos ou outras citas como PortAmérica, SonRías Baixas, O Marisquiño ou o Vigo SeaFest. Esa é a chamada “nova normalidade”, un escenario no que toca cumprir os protocolos que marquen as autoridades sanitarias para gozar coma sempre destas citas que axudan a que todas e todos sexamos máis felices.