A provincia convértese nunha gran sala de cinema entre maio e decembro cos Rías Baixas Film Fests

Publicidad

“Tiro de saída” aos Rías Baixas Film Fest que dende maio a decembro encherán a provincia de cultura vinculada ao cinema e ao audiovisual. A presidenta da Deputación Carmela Silva xunto aos e as responsables da organización dos oitos festivais que integran a marca provincial e dos gobernos locais dos concellos onde se desenvolven, presentaron o calendario das citas cinematográficas que arrancan este 4 de maio co Play-Doc de Tui e se estenderán ata decembro co Novos Cinemas de Pontevedra. Silva asegurou que “a través dos Rías Baixas Film Fest imos continuar avanzando para seguir convertendo á provincia nunha grande referencia”, e adiantou que neste 2022 “imos dar un paso máis, coa mirada posta na internacionalización dos festivais”. A marca, que naceu no 2020, agrupa a un total de oito certames audiovisuais que teñen lugar este ano entre maio e outubro en Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía.

No 2022 o “tiro de saída” dos Rías Baixas Film Fest terá lugar a vindeira semana, co Play-Doc de Tui (4-8 de maio) e continuará o seu percorrido co Festival de Cans do Porriño (18-21 de maio), Primavera do Cine de Vigo (6-11 de setembro), FicBueu (11-24 de setembro), Galician Freaky Film Fest de Vigo (23-24 de setembro e 28 de setembro- 1 de outubro), Festival de Cine Inclusivo de Vigo (18-22 de outubro) e co Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (21-30 de outubro) para rematar co Novos Cinemas de Pontevedra (13-18 de decembro).

O director do FicBueu, Manuel Pena, en representación dos oito festivais, destacou a diversidade de certames que hai na provincia e enxalzou tamén o papel das asociacións que os organizan. Pena salientou a “importancia e dimensión que acadaron as programacións dos festivais de cinema” que abranguen dende formación do público ata a promoción e fortalecemento da industria ou a confluencia con outras disciplinas artísticas. E, xa de cara ao futuro, amosou o seu desexo de “chegar aínda máis aló”. Pola súa banda, a responsable de programación do Primavera de Cine, Ana Gontad, recordou os “dous anos de pesadelo pandémico” e fixo un chamamento ao público para “volver ás salas, saír dun mesmo/dunha mesma e volver dialogar coas persoas”

O broche de ouro á presentación do calendario dos Rías Baixas Film Fest veu da man da compañía Troula que implicou ao público presente no acto a participar nunha pequena peza teatral que semellaba a rodaxe da entrega dun “Óscar”. Unha actriz de Troula, caracterizada como directora de cinema dos anos vinte, e un personaxe caracterizado como actor de cinema, fixeron partícipes ás persoas presentes no proceso de rodaxe, dende a propia gravación, ata a posta en marcha da acción ou o papel protagonista, que recaeu na presidenta, chamada a recoller o “Óscar” e pronunciar as palabras de agradecemento.

Salir de la versión móvil