Primeiro foron Raphael e Serrat, despois confirmouse Maná e o pasado 12 de abril sumáronse Morat, Dorian e Zoé. As festas de verán de Vigo van, paseniñamente, enchéndose de artistas e grupos que actuarán no Auditorio de Castrelos. Pero a programación de Vigo en Festas 2018 podería ter un novo invitado.
Durante a celebración da Brincadeira, en Bouzas, o grupo A Roda ofreceu un concerto no que presentou o seu novo disco “Nós". Como é habitual, o alcalde, Abel Caballero, exerceu de “presentador improvisado”. Foi nese momento, cando as festas de Vigo poderían ter sumado un novo concerto.
Cando o rexedor olívico xa tiña viaxando do escenario, o baixista Alfredo Dourado, non o dubidou e lembroulle que “nos debes unha actuación, alcalde, prometiches este ano unha actuación así que vémonos en Castrelos”, espetou o membro de A Roda.
Todo quedaría nunha brincadeira, nunca mellor dito, se non fora porque Caballero retornou entón ao escenario para asegurar que “A Roda vai actuar no mellor sitio de Vigo, en Castrelos”. O rexedor olívico lembrou que “eu lles dixen que ían facer unha actuación na festa de Vigo” e que polo tanto así sería. Agora, queda por ver se todo foi froito da emoción do momento ou A Roda tamén estará no Vigo en Festas.
Consulta aquí as datas xa coñecidas dos concertos de verán en Vigo