A televisión volve ao teatro. Este xoves, 31 de xaneiro, o Teatro García Barbón de Vigo acollerá unha nova gravación do programa de humor “Malo Será!”. O espectáculo, que percorre os grandes teatros galegos con público en directo, basease nunha sucesión de sketches sobre temas universais e moi galegos nos que se inclúen chiscadelas a distintas localidades.
O show estará liderado pola actriz e presentadora Marta Doviro que será a “mestra de cerimonias” dun grupo composto por sete actores e actrices, con ampla maioría feminina. Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Oswaldo Digón, Sara Fandiño ou Sabela Hermida volverán tirar de retranca e humor 100% galego.
Ademais, nesta ocasión, a gravación en Vigo contará coa visita dos actores Alfonso Agra e Monti Castiñeiras que participarán nos diferentes sketches con grandes doses de improvisación. A cita arrancará ás 20:30 horas. As entradas á venda en Ataquilla teñen un prezo de 10€.
Malo Será! emítese os mércores na Televisión de Galicia. Tras Vigo, o programa gravarase tamén en Ourense, en Pontevedra e Santiago.