A Xuntanza Cabalar de Moaña celebra por vez primeira un concurso de enganches

Publicidad

Os Cabaleiros de Moaña, agrupados na asociación Adoc, celebran esta fin de semana a súa VII Xuntanza Cabalar na que esperan sumar até 200 xinetes nunha concentración masiva. O Sábado, 12 de maio, a xornada dos participantes arrancará ás 16:00 horas coa saída da ruta cabalar que percorrerá uns 15 quilómetros nunhas tres horas polos montes de Moaña e Meira. Pola noitiña, todos eles reuniranse para a cea e rematarán á noite coa música dun grupo e mais un DJ.

Pola súa parte, o domingo a cita estará aberta a todo o público en xeral que queira gozar das exhibicións e concursos que se celebrarán na explanada de Samertolameu, en Meira. A xornada comezará ás 12:00, unha hora máis tarde do previsto inicialmente, coas xincanas eliminatorias de probas de axilidade, namentres que as finais desenvolveranse a partires das 16:30 horas.

Outra das probas que se desenvolverá durante a tarde será o concurso de enganches, isto é, unha disciplina de competición deportiva con carros de cabalos. Esta será a primeira vez que esta proba se celebre en Moaña e preparase como a gran novidade desta VII edición.

A xuntanza cabalar muda este ano de localización por segunda vez despois de que a ampliación do Corredor do Morrazo expropiara os terreos nos que habitualmente se celebraba, na explanada do Meixoeiro. Na pasada edición optouse “de urxencia” polo aparcamento da Xunqueira. Porén, tal e como explica a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Coral Ríos, “valoramos que ese sitio non era idóneo pola súa proximidade á estrada xeral tendo en conta o gran número de cabalos e xinetes que participan”. Por isto, este ano decidiuse celebrar en Samertolameu, onde se conta con máis espazo e se pode instalar unha carpa.

Salir de la versión móvil