A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, que este ano acada a súa XXIV edición, é unha das grandes apostas da Universidade de Vigo para a súa programación cultural de primavera. O ciclo de teatro dará inicio este mércores e se extenderá ata o vindeiro 5 de maio no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, que acollerá diversas representacións gratuítas e abertas ao público xeral. Todas as funcións comezarán ás 18:30 horas.
Desta maneira, a programación estrearase coa representación "O Parke do Crepúskulo" da Aula de Teatro Universitaria de Ourense Grupo Maricastaña. Esta obra, dirixida por Fernando Dacosta, fai unha reflexión sobre o legal e a moral, contando a historia de diversas persoas baixo o mesmo teito ilegal. Unha que traballa nunha empresa de desafiuzamento, outra que ten un hospital de obxectos perdidos para a sociedade, unha pintora amadora idealista que cre no decrecemento, unha doutoranda que debe acabar a súa tese sen un can ou unha que escribe dende a atalaia da cultura que ninguén comprende. Todas se xuntan nunha casa abandonada, o que non é legal, okupar a casa, e ao tempo, é de xustiza para as súas vidas. A obra é unha inspiración libre da obra de Paul Auster, "Sunset Park".
Programación XXIV Miteu Vigo
A seguinte representación terá lugar o próximo mércores 27 de abril coa representación de "Nosa Señora das Nubes", da man da Aula de Teatro Universitaria Campus de Pontevedra. Baixo a dirección de Salvador del Río, a obra trata dous temas fundamentais: a memoria e o exilio. Esta peza arranca co encontro duns exiliados nun espazo e tempo indeterminado. A partir de aí van construíndo o seu pasado, lembrando os feitos que aconteceron no pobo do que son orixinarios.
O xoves 28 de abril será o turno da Aula de Teatro Universitaria Campus de Vigo coa representación da obra "Emigrados", dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa. Trátase dunha obra múltiple que, engarzada, constitúe un mosaico de pezas de distintos autores e autoras que dende o tratamento específico da migración, do retorno, do desarraigamento, compoñen un cadro xeral que permite apreciar nidiamente o drama individual e social que supón estoutro xeito de “exilio”. Un drama social trasladado dende fóra do laio, dende a axilidade da linguaxe contemporánea, dende a ironía e sobre todo dende a cercanía, do achegamento ao público contemporáneo, dende o punto de vista da conciencia colectiva.
O CITAC, Circulo de Iniciaçao Teatraal da Academia de Coimbra, presentará a súa obra "CaosTM" o mércores 4 de maio. Caos, na mitoloxía grega, é o primeiro deus primordial, a máis vella das formas de consciencia divina. O abismo, o baleiro, o nada e a explosión que orixinou o universo. Foi aquí que todo comezou, mergullamos na cosmogonía, entropía e na maxia do Caos. Unha nova xeración do CITAC tira partido desta forza catabólica que xera por medio da escisión para crear algo novo, vibrante e único.
O ciclo tetral da Universidade de Vigo rematará o xoves 5 de maio coa función "Arrabaladas", da Universidad Pública de Navarra, UPNA. O director, Óscar Orzaiz Resano, ten como propósito poñer sobre o escenario diferentes escenas que entende especialmente críticas e adiantadas ao seu tempo, no que o protagonista é Fernando Arrabal, galardoado co Premio Nacional de Teatro en 2001. É un dramaturgo, poeta, novelista, ensaísta e creador plástico nado en Melilla en 1932. Para viaxar polos seus mundo, "Arrabaladas" ofrece unha degustación da súa obra que representa distintas fases da súa actividade profesional e creativa, desde os anos 50 ata a actualidade.
Pode consultar a programación completa facendo clic aquí.
Regreso á Miteu das compañías de fóra de Galicia
Tras dous anos de pandemia, a nova edición da Miteu supón o regreso á mostra das compañías de fóra de Galicia, algo que era clásico pero que as restricións sanitarias impediron nas últimas edicións. O regreso terá lugar coa compañía portuguesa Circulo de Iniciaçao Teatral da Academia de Coimbra, o 4 de maio, que representará a obra "CaosTM", e coa Aula de Teatro da Universidad Pública de Navarra, con "Arrabaladas".