A intérprete de Tomiño Andrea Pousa, unha das figuras máis importantes da música galega contemporánea, será a encargada de dar, en palabras do concelleiro de Cultura, Héitor Mera, o “toque especial” ao Nadal de Cangas neste 2017. Pousa presentará o seu primeiro disco en solitario, “Respirar”, o sábado, 23 de decembro, ás 21:00 horas no auditorio municipal. O álbum, formado por temas de diferentes estilos que mesturan tradición e vangarda en galego, castelán e portugués, conta con cancións orixinais a excepción dunha innovadora versión de Negra Sombra de Rosalía de Castro.
Pousa, quen asegurou na presentación desta mañá da programación que “será un pracer despedir o ano en Cangas”, explicou que ademais dos temas do álbum “tamén haberá panxoliñas, a ben seguro”.
A programación comezará o mércores, 21 de decembro, e desenvolverase ata o 5 de xaneiro. Nela contémplanse decenas de actividades pensadas “para o gozo de todo o pobo e, especialmente, para o dos máis pequenos e pequeñas”. Un programa que, nas verbas de Héitor Mera, exemplifica o “desbordamento cultural” do municipio. Dentro do mesmo englóbase o denominado como “Enredos de Nadal”, un proxecto das concellarías de Ensino e Deportes, Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, e Xuventude e Voluntariado, que se dirixe a nenos e nenas de 3 a 12 anos e que se levará a cabo os días 26, 27, 28, 29 e 2, 3, 4 e 5 no CEIP Nazaret e no CEIP Espiñeira- Aldán.
Unha das actividades que máis ilusión suscita entre os máis pequenos chegará o día 24 cando o Apalpador percorra as rúas de Cangas. A saída realizarase ás 19:00 horas desde a Casa da Xuventude.
Pola súa parte, o Auditorio Municipal acollerá diversos espectáculos, ademais do concerto de Pousa. Entre eles atópase o teatro infantil ‘A verdadeira historia do lobo feroz’ o día 26 ás 18:00 horas ou ‘Kimba a lenda, o león’ o 28 á mesma hora.
O último día do ano realizaranse a prebadaladas de fin de ano nos Xardíns de Soaxe, unha actividade que está pensada como “festa infantil” con animación musical e obradoiros para os cativos e cativas. Ese mesmo día, terá lugar a Carreira de San Silvestre, cita que acolle a un gran número de participantes.
Por último, o 5 de xaneiro os Reis Magos visitarán Cangas para deixar agasallos por todos os fogares de Cangas. A cabalgata comezará ás 18:00 horas.