Arume, Habelas Hainas e Pelepau encherán de folk a Praia de Cesantes

Publicidad

Tras varias edicións compartindo data e escenario coa noite de San Xoán, o Festival Folk Illa de San Simón (FFISS) volverá ter identidade propia para celebrarse en xullo. Nomeadamente, a cita será este sábado, día 20, na praia de Cesantes.

Na súa décima edición, o evento organizado por Airiños de San Simón, do CCD Cesantes, arrancará ás 21:00 horas da man das Pandereteiras Arume, que volven ao festival logo de ter gravado o seu primeiro traballo discográfico, “ó noso xeito”.

A noite continuara con Habelas Hainas, que ocuparán o espazo máis reivindicativo e feminista do festival coa súa orixinal proposta musical. O grupo representa o novo trad e folk galego, onde as mulleres van ocupando cada vez máis o papel protagonista que lles corresponde lexitimamente. A agrupación está formada por Arantza Alfaia (tamboril, bombo, darbuka e caixón flamenco), Jara Ortiz (voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes), Patri Gamallo (gaita, adufes, guitarra) e Sandra Tamayo (acordeón, gaita e pandeiro).

O cartel musical da noite remata coa actuación de Pelepau, agrupación que, aseguran dende o FFISS “non podía faltar no décimo aniversario”. A súa actuación realizará un percorrido pola música popular galega mesturada con ritmos tradicionais doutras culturas.

Coma cada ano haberá tamén unha barra con bebida e comida a prezos populares coa finalidade de reunir fondos que irán destinados integramente a cubrir os gastos xerados polo propio evento. Do mesmo xeito a organización venderá camisetas da décima edición cun novo deseño.

Salir de la versión móvil