As Neves “xa quenta” a Feira do Requeixo

Publicidad

A nova edición da Feira do Requeixo e do Mel de As Neves vai sendo pouco a pouco unha realidade. A festa gastronómica terá lugar os días 10 e 11 de abril, en plena Semana Santa, pero o evento comeza a quentar motores con actividades relacionadas coa tradición da mesma unhas semanas antes de que centos de persoas acudan ao municipio pontevedrés a degustar esta delicia da cociña galega.

Antes de que se dea a coñecer o programa oficial, o pasado martes un grupo de 30 alumnas e alumnos de 3º e 4º de Primaria do CEP Carlos Casares de Alxén, de Salvaterra de Miño, fixeron unha visita á parroquia de Cerdeira, lugar onde estiveron tamén o tenente de alcalde, Marcelino Couto, e a concelleira de Educación, Pilar González Casas.

Alí, dúas veciñas, Dori e Isabel, especialistas na elaboración do requeixo, explicaron aos estudantes o proceso orixinal de preparación, que se transmitiu dunha xeración a outra e convidáronos a probar o leite de vaca, “recén ordeñado”, e o mesmo requeixo, xa rematado, con mel desta parroquia, na que tamén se achegaron a ver as colmeas e a coñecer a importancia das abellas, os principais “axentes polinizadores” do planeta e das que depende, directamente, a terceira parte dos produtos alimenticios que se consumen no mundo cada día.

Salir de la versión móvil