As xornadas “un vermú por Vindel”, nas que se achega ás librarías conversas entre libreiros, expertos e público en xeral, chegan a Vigo esta fin de semana. Concretamente, a primeira parada deste ciclo será na libraría “Espazo Lector Nobel”, de Gran Vía, anfitrioa desta cita coa obra berce da lingua galega.
Pode interesarche: Pergamiño Vindel: por que é tan importante para Galicia (e para o mundo)?
Dende ás 12:00 horas, todos aqueles que se acheguen –e se teñan anotado previamente na propia libraría- poderán escoitar a Maribel Ferreiro, dona do establecemento, e a Mariña Arbor, Doutora en Filoloxía e experta en literatura medieval pola Universidade de Santiago de Compostela.
Estas conferencias achegarán aos asistentes os aspectos máis curiosos e descoñecidos do Pergamiño mentres desfrutan dun vermú. As xornadas estarán abertas a todo público que desexe participar e que se inscriba anteriormente nas propias librarías e son gratuítas.
A iniciativa “Un vermú para Vindel”, que partiu da axencia viguesa Elemental Chefs en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, volverá á cidade o 2 de decembro en Librouro, con con Xurxo Patiño e Xosé Ramón Pena; o día 9 na Libraría Prisma, con Verónica Vázquez e Miguel Vila, e o 13 de xaneiro na Casa del Libro.
As xornadas, que arrancaron en Bueu a pasada fin de semana, contan coa participación dos libreiros (en lembranza a Pedro Vindel, descubridor do pergamiño), que exercen de anfitrións, e son os encargados de falarnos do seu traballo, da bibliografía da época do Pergamiño coa que traballan e, sobre todo, de subliñar a importancia histórica que ten o propio documento. Ademais, participarán tamén distintas personalidades da comunidade universitaria e escritores locais.
O Pergamiño Vindel en Galicia
Estas actividades son algunhas das múltiples iniciativas que a Xunta está programar en toda a comunidade, vencelladas á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 4 de marzo de 2018.
Pode interesarche: Horarios e prezos para ver o Pergamiño Vindel en Vigo
A exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, ten como eixo central o manuscrito de finais do século XIII que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa melodía, e que constitúen o único exemplo conservado deste xénero con notación musical.