Así é o "menú" do Festival Intercéltico de Moaña

Publicidad





Moaña inicia a conta atrás para gozar dun dos eventos musicais máis esperados do verán en Galicia, o Festival Intercéltico do Morrazo. En menos dun mes, a música volverá a soar no Paseo Marítimo nunha edición que terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo.

Os xardíns da Praza do Concello de Moaña acolleron a presentación do cartel do evento, que foi deseñado por Diego Seixo. O Festival Intercéltico do Morrazo terá como grandes reclamos a presenza de Budiño, Project Smok, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Plantec e Capercaille. Unha das novidades deste ano é a presenza de Mahou como patrocinador do evento.

O Festival Intercéltico do Morrazo comezará o xoves 26 de xullo, ás 20:00 horas, co desfile e posterior actuación dos grupos folclóricos de Moaña. Ás 22:00 horas subirá ao Escenario Mahou o grupo escocés Project Smok, un proxecto de Ali Levack e Pablo Lafuente. Ali Levack está considerado pola crítica como un dos mellores intérpretes de whistle do mundo. O acompañamento de Levack vén das cordas de Pablo Lafuente, unha guitarra chea de ritmo que se complementa á perfección co seu estilo, e do Bodhran de Craig Baxter.

https://www.youtube.com/watch?v=rrj5_Vzkxuk



O venres 27 de xullo será a quenda de Budiño. O moañés ofrecerá un recital que consistirá nun repaso da carreira do músico e compositor, incidindo principalmente nos temas do seu primeiro disco que xa son un clásico na música galega. A continuación actuará Plantec, pioneiros da nova onda da música bretoa nos últimos dez anos, co seu espectáculo de fusión electrónica e proxeccións multimedia, que serán os encargados de pechar a segunda xornada do Festival Intercéltico do Morrazo.





O sábado 28, ás 22:00 horas, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre retornarán ao Paseo Marítimo para presentar o seu novo álbum "Noró". A actuación do músico galego dará paso aos lexendarios Capercaillie, probablemente o grupo máis emblemático da música escocesa coa fantástica voz gaélica de Karen Matheson (posuidora dunha "garganta tocada por Deus", segundo dixo Sean Connery), unha das máis finas cantantes escocesas, e co extraordinario frautista e gaiteiro Michael McGoldrick, considerado como o sucesor do icónico Matt Molloy, e que dedicou gran parte dos últimos anos a percorrer o mundo como membro da banda de Mark Knopfler.






Para completar esta gran edición do Festival Intercéltico do Morrazo, realizaranse actividades paralelas como a Mostra de instrumentos tradicionais, clases maxistrais de música, de baile galego e de danzas do mundo, e un DJ Folck que será o encargado de pechar a última xornada do festival.

Salir de la versión móvil