O Concello de Tomiño continúa este sábado 4 de novembro coa súa programación "Outono Cultural". Nesta ocasión será o turno do espectáculo "Cránios privilexiados" de Mofa & Befa, que foi estreado no Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e que xa percorreu algunhas localidades galegas -entre elas Vigo- con grande acollida do público.
A obra explora os diferentes xeitos de pensar, e de como o xeito de pensar comunmente aceptado como "correcto" non ten por que albergar necesariamente a verdade. Unha chamada á visión crítica do ser humano, combinando con maxestuosidade a filosofía, a comedia e a crítica social.
Este sábado é unha oportunidade inmellorable para gozar de teatro de calidade a un prezo asequible, nunha representación na que as entradas chegaron a custar máis de 16 euros en outras localidades galegas e que en Tomiño o valor da entrada será de 3 euros.
Dende a concellería de Cultura de Tomiño destacan a calidade da peza de Mofa & Befa e o esforzo que o Goberno local fai "por facer accesible a oferta cultural ás persoas que habitan nas zonas rurais como Tomiño".
O programa "Outono Cultural" continuará o vindeiro 18 de novembro cun concerto a cargo da Agrupación Musical de Goián con motivo da celebración da festividade de Santa Cecilia, patrona da música.